por Marcos Maceira en La Voz de Galicia:
Saltan as alarmas cada vez que se publican datos sobre o uso do galego. Especialmente cando o censo do INE de 2011, como no último de 2021, sinala que eran pouco menos da metade de galegas e galegos quen empregaban maioritariamente a lingua propia, natural e orixinaria do país, a que nos fai visíbeis e audíbeis como pobo con plena capacidade de se desenvolver.
Sexamos 40 %, 50 % ou o 60 %, é evidente que non hai ningún espazo (ensino, xustiza, banca, comercio, audiovisual, lecer, sinaléctica, locucións...) onde a presenza oral, escrita ou audíbel do galego se aproxime ao uso social que sinalan todas as estatísticas, e tamén que non houbo ningunha planificación pública orientada a garantir esa presenza e con ela a recuperar o uso para todas as funcións, mantendo usuarios e gañando outros novos.
O Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade en 2004 fica na lembranza mais non ten nada que ver coa política lingüística seguida cando menos desde 2009, cando se comeza a elaborar o decreto de plurilingüismo, cuxo único resultado constatado é que case o 30 % de menores de vinte anos teñen serias dificultades para se expresaren en galego. Pola contra, a política lingüística a favor do castelán maniféstase elocuentemente ao comprobarmos que máis de 540 disposicións legais obrigan ao seu uso ou que o coñecido como PERTE do español destina para este idioma 1.100 millóns de euros públicos. As únicas propostas con verdadeira vontade de mudar esta realidade, para entrarmos nun verdadeiro proceso de normalización da lingua galega, saíron de entidades sociais como A Mesa pola Normalización Lingüística. Lembremos algunhas recentes: iniciativa popular para garantir o dereito ao uso do galego no ámbito socioeconómico, iniciativa Xabarín para a presenza do galego na televisión, actuacións internacionais na ONU e Consello de Europa ou mesmo xudiciais para que Facenda admitise e correspondese o uso do noso idioma.
Non hai nada irreversíbel para o galego. Hai mesmo datos esperanzadores para o seu futuro como o aumento da conciencia da situación e a vontade práctica de restitución e reparación que se mostra na evolución do uso escrito. Esa é a vontade que aínda non mostraron os poderes públicos galegos e estatais nunha actitude que reflicte perfectamente a importancia que lle dan a Galiza. Comezamos un ano novo, que Galiza non continúe soa fronte as alarmas, tampouco as de emerxencia lingüística.
Ningún comentario:
Publicar un comentario