Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 4 de xaneiro de 2023

Lingua e nacionalismo galego

 


por Miguel Anxo Bastos Boubeta en Nós Diario:

Leo con desacougo as estatisticas que informan de que a lingua galega xa non é de uso maioritario na nosa terra e sobre todo de que se está a perder de forma alarmante o sue uso entre os máis novos, algo que levo xa tempo constatando. Non son eu de votar culpa en outros dos malos resultados das estratexias en política lingüística, sexa na Xunta, no ensino, nos medios de comunicación de masas ou en calquera outra institución das que adoitan ser responsabilizadas deste fenómeno, sen buscala primeiro en men mesmo e logo de ser o caso extender parte da responsabilidade a praxe política ou cultural dos que nos reclamamos defensores da nación galega.

 

Debemos de reflectir se a estratexia que levou o nacionalismo galego nos últimos decenios en relación a lingua foi ou non a adecuada. Recurrir ao “non nos entenden non” sempre adoita ser un bó consolo pero unha moi mala estratexia política e social. Porque a principal consecuencia destes datos que, ainda admitindo muitos matices, son obviamente malos é que de persistiren vai obrigar quérase ou non a mudar a estratexia do nacionalismo a respeito da lingua, non porque esta sexa necesariamente mala senon porque a propria realidade social vai obrigar a facelo alo menos en dous pontos clave.

 

Un é o da centralidade da lingua na propria definición da nación galega. Unha nación pode definirse por muitos rasgos, como a a lingua, a relixión a historia ou incluso a economía.

 

Os primeiros nacionalistas da xeración Nós entenderon que todos eles eran necesarios para reforzarse uns aos outros e incorporaron elementos de todos eles na construcción do discurso nacional. O nacionalismo galego actual, pola contra define a nación principalmente pola lingua, considerando que de recuperarse a lingua o despertar da consciencia nacional a acompañaría. Máis case nunca se pensou que ben pudera ser ao revés, isto é que de recuperarse a nación, ben pola consciencia histórica ou polo desenvolvemento económico, a recuperación da lingua viría como resultado desa renovada consciencia.

 

A lingua, o o rexistro linguístico como é ben sabido non é só comunicación pois implica tamen pertenza e está tamen submetida as leis da imitación social. A cuestión é se o colectivo galegofalante é o suficientemente atractivo como para que queira ser imitado polo que non o son. Eu nono sei, pero se non o é ademáis de políticas linguísticas no ensino deberíase pensar en que facer para que a xente queira pertencer ao noso grupo linguístico e acredito que nisto hai certo fracaso pois o noso proprio discurso, sempre negativo, non parece axudar muito.

 

Outro ponto que deberá ser repensado no debate nacionalista de persistir nesta tendencia é o de identificar a lingua galega coas clases populares.

 

O discurso da lingua proletaria do meu povo podía ser acaído cando a maioría da populación era sumetida a unhas élites urbanas castelánfalantes pero non agora en que boa parte das clases populares, que agora son na súa maior parte urbanas, non só no falan galego senon que nen sequera amosan algún interese pola nosa cultura ou historia. A respetan ben máis os colectivos que defenden o español en Galiza, estos polo menos nos ven como unha posível amenaza, que muitas destas clases populares aculturadas en español non pola alta cultura hispana senon por realities televisivos ou músicas latinas con letras que deixan muito que desexar.

 

A focaxe de clase á hora de falar da lingua muito me temo que tamen estará condenada a mudar se se quere atender a nova realidade social e lingüística da Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario