Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 5 de outubro de 2023

Coidado cos búmerangs

 por Carlos Callón en La Voz de Galicia:

A primeira vez que se falou en galego nun parlamento foi no ano 1188, nas Cortes reunidas en León polo monarca galego Afonso VIII, que a Unesco considera «o berce do parlamentarismo europeo». Non precisaron de intérpretes, pois os romances que alí se usaron eran moi próximos e, ademais, aínda nin se sementara o desprezo contra o idioma de Galiza que tería tan tristes ecos. Sería impensábel que cando o rei se dirixiu en galego aos diferentes estamentos alguén saíse da asemblea coa boca escumando, como vimos hai nadiña en Madrid.

 

Xa sabemos que a historia deu moitas voltas; tantas, que mesmo se esquece que houbo historia. Cando escribín O libro negro da lingua galega encontreime coa presenza do noso idioma en debates no Congreso que me sorprenderon. En 1872 discursouse que «no sería racional» permitir o «dialecto gallego» nesa cámara. 151 anos tardou o búmerang en chegarlle aos dentes a ese deputado.

 

O galego tamén aparece en debates no XIX para que se abran as portas das escolas aos idiomas que existen ou para que se permita falar por teléfono en linguas diferentes á única oficial. Xa nos albores do século XX, un deputado «gallego a la española» láiase de que en Galiza «hablamos bastante mal el castellano» e termina por agradecer, submiso: «Gracias que nos pulimenten con el castellano». O diario de sesións rexistra que os outros deputados comezaron a rir. Aínda en 1916, un ministro constata que nese momento «ayuntamientos enteros hay que no hablan más que el gallego», o cal para el é un «defecto», «un mal inveterado que se viene corrigiendo» a través da súa exclusión sistemática de todo uso oficial.

 

A viraxe simbólica acontece con Castelao en 1931, cando se desbloquea o acceso democrático para outras voces. Non é estraño que estivese na boca e no pensamento das tres persoas que interviñeron en galego nestes días. Debemos aplaudir a Xosé Ramón Besteiro e Marta Lois polos seus xestos, e aínda con máis forza a Néstor Rego pola súa constancia exemplar, pois hai só uns meses que o expulsaron da tribuna polo que agora se festexa.

 

Como xa non se prohibe realizar un discurso completo na lingua de Afonso VIII, é desexábel que, como solicitou a mesa, tanto membros do hemiciclo como do Goberno mostren o seu compromiso a través do seu uso normal, para todos os temas. Se se pode facer, por que non facelo? O galego non pode ser flor dun día, o galego debe ser primavera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario