Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 1 de outubro de 2023

¿Que te dé qué? ¿Un 'bico'? ¿Qué es un 'bico'?

 


por María Obelleiro en Nós Diario:

Por fin levantaron o veto ao galego, ao catalán e ao euskera no Congreso. Sen tempo non era. Tiveron que pasar 46 anos desde a constitución das Cortes. Anos de anomalía, de desprezos e humillacións a deputados e deputadas nacionalistas ás que expulsaron ou retiraron a palabra na tribuna por falar no seu idioma, proscrito no Congreso.

 

A oficialidade do galego na Cámara Baixa estatal representa un avance significativo para a nosa lingua. Tras máis dunha década de retrocesos, o idioma por fin conquista un novo espazo, o que pode abrir portas para a súa normalización en ámbitos en que, infelizmente, non está presente, nin sequera, en pé de igualdade co español. Porén, como puideches comprobar, Vicent, o PP presidido por aquel que a prensa progresista española cualificaba de "moderado" deu as costas á súa propia lingua e, máis unha vez, en lugar de pórse do lado do pobo, deuse a man con Vox.

 

Estamos ante un PP, o de Feixoo, ultraespañolista, que compite cos de Abascal por ver quen é máis español de todos, aínda que iso supoña aldraxar a pedra angular da identidade galega. Mais non só as deputadas e deputados galegos son uns vendidos, o propio presidente da Xunta da Galiza demostra ser un renegado ao incumprir de maneira manifesta e reiterada o seu deber estatutario de protexer e prestixiar a lingua propia da Galiza. Nas dúas últimas semanas, Vicent, ao contrario do que fixeron os seus homólogos catalán e vasco, Rueda pronunciouse publicamente contra o levantamento do veto ao galego no Congreso.

 

Neste contexto, medio cento de persoas de diferentes ámbitos (da cultura, do sindicalismo, da xudicatura, da academia, do xornalismo, do deporte, da artesanía...) asinamos o manifesto "Queremos galego tamén no Congreso" no que facemos un chamado ás deputadas e deputados para que empreguen o galego nas súas intervencións e no que mostramos a nosa desconformidade coa posición do PP.

 

Preguntarédesvos que ten a ver isto co título que encabeza o artigo. Ten relación. Escribín en varias ocasións nesta mesma sección sobre as cifras que evidencian a situación calamitosa que sofre a nosa lingua, mais nunca o fixen desde o punto de vista cualitativo. Calquera das galegas e galegos que lean isto saberán ben a que me refiro, pois hai nenas e nenos nados na Galiza que non entenden o idioma propio. Nenas e nenos que non saben que é un carballo. Nenas e nenos que non saben que é un bico.

 

Non é esaxeración ningunha. Infelizmente, é a realidade que se vive, sobre todo, nas cidades, e tamén nas vilas. O habitual ao manter unha conversa con crianzas españolfalantes (a inmensa maioría) é que che pregunten "como", para que lles repitas, porque non entenden ou porque lles custa interiorizar unha palabra nunha lingua que para elas é estranxeira. Así de triste. Contábame a miña irmá pequena, mestra de Educación Infantil, que nun dos colexios en que deu aulas un neno chegou á casa dicíndolles aos pais que "la profe Olalla habla extranjero". E como esta anécdota tan representativa do contexto sociolingüístico na Galiza, centos.

 

En Euskal Herria e nos Países Cataláns o debate está na inmersión nos centros de ensino, mais non só nas aulas, senón tamén nos recreos e nas actividades extraescolares. Na Galiza, o que hai é un decreto do "plurilingüismo", aprobado polo primeiro Goberno de Feixoo en 2010, previa campaña furibunda do PP –incluída unha manifestación contraria ao galego, ateigada de bandeiras españolas e convocada por unha asociación ultra, á que acudiu o actual presidente da Xunta–, coa axuda de medios de comunicación que non se cortaron en difundir falsidades. Este decreto reduciu a xa cativa presenza do galego no ensino, prohibíndoo mesmo en materias como Matemáticas, Física ou Química. Hoxe sufrimos as consecuencias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario