Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 6 de outubro de 2023

Impresentábel

 


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Cen anos despois de que Eduardo Pondal –a requerimento do músico Pascual Veiga– escrebese a letra para un Himno galego (1890), o investigador Manuel Ferreiro estaba en condicións de estabelecer o texto verdadeiro, submetido, a través dos anos, a varias deturpacións. Quen traballamos desde hai décadas coa literatura de Rosalía de Castro e doutros clásicos sabemos ben o labor continuo de corrección que cómpre realizar neles para restaurarmos o sentido orixinal do escrito polos nosos antepasados. “Corrección” non significa refacción, xustamente o contrario: significa devolución ao texto da súa literalidade; recuperación, pois, da vontade autorial e do sentido que ela imprimiu ao seu poema ou á súa prosa. Pondal non escapa a esta necesidade de restauración e, no poema a que nos referimos, ela, a restauración, tórnase máis necesaria aínda por se tratar da letra do Himno nacional galego.

 

En 1992 –nun exercicio do que a pedante linguaxe universitaria denomina transferencia do coñecemento–, servidora tivo a iniciativa de distribuír centos de fotocopias aos asistentes ao décimo aniversario da fundación do Bloque Nacionalista Galego, celebrado na Coruña. Foi a primeira distribución masiva do Himno restaurado, unida indisociabelmente á necesidade de coñecérmolo e cantármolo íntegro e co debido respeito ao que o poeta escrebera. Porque, ademais, a letra do noso Himno –a diferenza doutros, de carácter militar ou arenguístico– é un poema de calidade extraordinaria e, como tal, debe ser coñecido e ponderado.

 

Continuamos aínda no século pasado. En 1996, a través da corrrespondente iniciativa parlamentar, solicitei a constitución dunha ponencia con presenza dos grupos da Cámara, con vista á necesaria modificación da Lei 5/1984, dos símbolos da Galiza (himno, bandeira, escudo). Tecnicamente, era precisa a reforma, para acoller a letra fidedigna do Himno, non a que, erroneamente, reproducía a lei. Aforro os pormenores da ponencia, dos comparecentes propostos e das súas achegas. Quen tiver curiosidade pode facer o seguimento de todo este proceso no meu opúsculo Himno Galego: Unha historia parlamentar inconclusa, publicado en 2017, co amparo de Galiza Cultura e da Fundación Galiza Sempre. O percurso parlamentar non finou aquí. Volveu haber iniciativas en 2001 e 2002, e en 2017 –ano do centenario do falecemento de Pondal– tiven ocasión de entregar en man aos representantes dos grupos parlamentares e mais ao Presidente do Parlamento aquel opúsculo e de lles explicar a necesidade de corrección da letra do Himno e de levar a termo o que fora, moitos anos antes, aprobado por unanimidade e non executado: realizar unha edición masiva do Himno (íntegro!) –letra e partitura– para a súa distribución e popularización en centros de ensino, bandas de música, corais, asociacións culturais ou doutra índole...; instar da CRTVG a emisión dunha campaña divulgativa de coñecemento e familiarización do público xeral co Himno, na intelixencia, claro está, de ser reproducida e difundida a letra orixinal, limpa de erros, inventos e deturpacións.

 

O ano pasado, 2022, Vía Galega e Galiza Cultura reavivaron esta necesidade, promovendo unha Iniciativa Lexislativa Popular que foi apoiada por case 16.000 asinaturas e amplamente apresentada por todo o país. O seu debate produciuse o pasado día 26, e o profesor Manuel Ferreiro tivo ocasión, máis unha vez, de amostrar as probas irrefutábeis do poema pondaliano e, por tanto, a necesidade de proceder á súa restauración. A ILP mereceu o voto positivo do Grupo Parlamentar do BNG e o negativo de PP e PSOE. As intervencións da deputada Díaz Varela, do PSOE, e do deputado Pazos Couñago, do PP, abondaron en sofismas e, mesmo, en erros de vulto, que o público leitor poderá examinar no Diario de Sesións do Parlamento. Referireime só á proposta –común a ambos grupos– de instar a constitución dunha Comisión ad hoc para que nela se pronuncien non só os grupos parlamentares senón a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, institucións que xa foran autoras, hai 20 anos, de senllos informes deplorábeis sobre a cuestión. Deplorábeis, por desprezo da evidencia textual; por ofensa á verdade filolóxica; por introdución de criterios moralistas ou políticos absolutamente alleos ao sentido do texto de Pondal; por, en fin, atribuír ao povo galego o que o povo galego endexamais puido modificar.

 

Para alén deste antecedente, cabe formular unhas cantas perguntas:

 

1ª. Teñen estas institucións capacidade de voz, voto e veto no Parlamento Galego? 
2ª Até cando vai funcionar o xogo perverso da coartada mutua entre elas, o PP e o PSOE?

 

3ª Unha institución centenaria e unha do máis alto rango estatutario, cando se interesaron pola sorte do Himno, pola súa popularización-prestixio, pola recuperación da súa textualidade orixinal? (como non, en 2007, polos fastos que acompañaron –baixo o deostado goberno bipartito– a celebración do centenario da súa estrea na Habana).

 

4ª. En trinta anos, en vinte e sete anos, tan altas e doutas institucións non tiveron tempo de analisaren con lupa, examinaren exhaustivamente, a proba textual oferecida polo profesor Ferreiro, e obraren en consecuencia, tendo en conta que se trata de institucións públicas, pagas por todos nós?

 

Que é o que subxaz en todo isto, ben vulgar, mais non por iso menos efectivo? Cal, o pecado dos intervinientes a prol da restauración da letra do Himno e da necesidade da súa difusión masiva? O noso pecado é que non pedimos permiso. Vaia por Deus! Pensamos hereticamente que hai sapiencia fóra da universidade; que, dentro dela, existen cabezas pensantes e actuantes fóra da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela; que a investigación non é un ben patrimonializábel; que a famosa maleta de Pondal, arrombada na RAG, merecía ser aberta, exhumada e divulgada. E non pedimos permiso. Non damos aprendido...

 

O voceiro do PP levaba a lección ben sabida e ilustrounos sobre o feito de o poema de Pondal ser unha cousa e o Himno, outra: grande achado da filoloxía! Por tanto, o primeiro, arqueoloxía enterrábel; o segundo, ritual doméstico, prescindíbel, mutilado e errado. A deputada Queixas Zas, do BNG, reafirmou a noción de termos Himno por termos historia. Esta historia, con efeito, merece ser coñecida e respeitada. Coñecida e respeitada nos seus termos orixinais, non na versión aqueloutrada que as proprias vicisitudes anómalas do devir galego provocaron.

 

Impresentábel, señoras deputadas, señores deputados do PP e do PSOE. Creen a Comisión; soben o tema máis unha vez; convoquen as máis altas autoridades do Olimpo galego; enreden o máis posíbel para que nos vaiamos aproximando á disolución da Cámara, por convocatoria de eleicións; consigan, en fin, que o tema decaia máis unha vez. Na miña experiencia parlamentar de catorce anos, comprobei, unha e outra volta, as consecuencias negativas e sectarias de actuar sen pedir permiso. Teño exemplos ben significativos de iniciativas lexislativas penalizadas co voto negativo que, andando o tempo, foron aprobadas no Parlamento galego ou no Congreso de Deputados español. Talvez esta do Himno corra a mesma fortuna. Total, son somente tres décadas de demora...

Ningún comentario:

Publicar un comentario