Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 20 de setembro de 2023

Un patrimonio común

 por Víctor Freixanes en La Voz de Galicia:

A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección», di o terceiro punto do artigo 3 da Constitución. Nos puntos 1 e 2 do mesmo artigo dise que «o castelán é a lingua española oficial do Estado, que todos os españois teñen a obriga de coñecela e o dereito de usala, e que as demais linguas españolas serán linguas oficiais nas súas respectivas comunidades autónomas consonte cos seus Estatutos».

 

O que se discute agora, corenta anos despois de aprobada a Constitución, é o uso destes idiomas cooficiais nas cámaras da cidadanía, depositarias da soberanía política en España: o Congreso e o Senado. Depositarias da soberanía e, xa que logo, espello da sociedade ou sociedades que se senten representadas nas dúas cámaras. En ningún artigo da Constitución se limita ou prohibe o uso destas linguas nas mesmas. Trátase dunha cuestión de vontade política e, en gran medida, de prexuízos.

 

Porque hai dúas maneiras de abordar a cuestión: dende o medo ou dende a intelixencia práctica. Xa van moitos anos dende a aprobación do texto constitucional. A pluralidade lingüística e cultural, tamén nacional (para os que consideramos que Galicia é unha nación integrada nun proxecto común de Estado) é unha realidade. Semellante ao Reino Unido, por exemplo. Gerald Brenan, un dos historiadores que con máis intelixencia se achegou á realidade española no pasado século, falaba da pequena Europa, pola variedade de linguas e culturas, paisaxes e mesmo economías.

 

Sen entrar noutras consideracións, o que se está a discutir é o recoñecemento dun feito que ten moito que ver coa concepción do Estado e coa aceptación das identidades que o conforman. Cabemos todos? Certo que en castelán (na lingua común) nos entendemos, mais os idiomas teñen unha dobre dimensión: a comunicativa, que permite que os interlocutores efectivamente se entendan, e a simbólica, á que aínda podemos engadir unha terceira: de socialización (memoria, historia, tradicións, cultura compartida, etcétera). O que estamos a discutir son os tres elementos para integralos e que se recoñezan como tales, sen exclusións. Por extensión podemos dicir que estamos a falar dunha forma nova de compoñer as relacións políticas da diversidade sen renunciar ao espazo común representado nas cámaras.

 

En realidade estamos a completar procesos que ficaron a medias na Transición. Este é un deles. Para seguir avanzando nese espazo común precisamos, como dixen máis arriba, intelixencia práctica, imaxinación, capacidade de diálogo, sentido da realidade e un punto de audacia, decisión ou vontade, que en política é fundamental. E sobran medos, prexuízos, retórica excluínte, sectarismo… Certamente, é unha oportunidade que non deberiamos deixar pasar. O argumento dos custos para establecer un servizo de tradución nas cámaras, comparado con outras dispensas, cae de seu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario