Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 20 de setembro de 2023

Galego oficial na UE?


 por Marcos Maceira en Nós Diario:

Galiza non conta cun Estado que ampare a súa lingua e garanta que poida ser empregada en todos os ámbitos, para desenvolver calquera acción. A desigualdade respecto do español é clara. Non é preciso lembrar que no Estado español só hai unha lingua oficial. Para o resto a Constitución deixounos o consolo do “especial respecto e protección” que se traduce nunha suposta cooficialidade condicionada á subordinación ao español e, cada vez máis, so a vixilancia do poder xudicial.

 

 

Máis de 500 disposicións legais de todo tipo obrigan á presenza e uso do español. Practicamente a metade delas relacionadas co ámbito do consumo: información, etiquetaxe, locucións, sinaléctica, reclamacións... en moitos casos transposicións á lexislación do Estado de normas europeas.

 

A recentemente aprobada lei do audiovisual, aplicación no Estado español doutra norma europea, estabelece cotas amplas de obrigatoriedade de presenza do español en todos os fornecedores televisivos encanto as demais linguas fican nun 1,5%, só para algúns casos, e sen que ninguén o cumpra nin o faga cumprir.

 

 

 

Audiovisual

 

 

Para accedermos en galego á dobraxe, lexendaxe e audiodescricións coas que si conta o español, aínda teremos que ver como continúa o proceso lexislativo despois de que unha emenda achegada pola Mesa pola Normalización Lingüística e impulsada no Parlamento Europeo pola deputada do BNG Ana Miranda, sinalase que os requisitos lingüísticos da directiva audiovisual europea inclúen as linguas dos territorios e así o deberían interpretar os Estados. É verdade que é posíbel empregar o galego con pequenas adaptacións á variante portuguesa da lingua nalgúns espazos das institucións e Administración da UE.

 

Tamén o é que dela parten as normas que permiten que na Galiza nengunha empresa teña a obriga de fornecer os seus servizos, atención ao público ou informacións na nosa lingua e que a oficialidade do galego na UE, para ser verdadeira, tería que implicar a transposición dos requisitos lingüísticos das directivas europeas na lexislación estatal e autonómica, con igual presenza e recoñecemento do galego, como lingua oficial da UE, na propia Galiza e, por tanto, dereitos e deberes dos que até hoxe só goza, por exclusión, o español. Sería cínico e vergoñento, mais non sorprendente, pedir fóra a oficialidade que dentro non se recoñece.

 

Todos os recoñecementos e avances para o galego teñen que ser benvidos, nomeadamente se contribúen á súa normalización con consecuencias reais e prácticas na posibilidade de uso, recepción e disposición do noso idioma en todos os ámbitos da vida social. Aínda non temos a certeza de que na UE se dea este paso mais, de se dar, as consecuencias para o galego continuarán a depender da nosa insistencia colectiva en facer que así sexa.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario