Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 28 de setembro de 2023

Lingua de primeira

 


por Alberte Mera en Nós Diario:

O Estado español decidiu priorizar o catalán sobre o galego á hora de procurar un acordo na UE para oficializar como linguas da Unión os idiomas da Galiza, Euskal Herria e os Països Catalans. Di o Executivo de Pedro Sánchez que empeza polo catalán por ser o que máis falantes ten. Isto é a secundarización da Galiza e responde á aritmética electoral, a do tanto tes, tanto vales. 

 

Sería diferente se todas e todos os que teñen o deber de representar Galiza no Congreso español -escanos electos polas catro circunscricións galegas- fixesen unha defensa firme do idioma propio. Mais non, esta semana vimos como os escanos obtidos polo PP o 23-X serviron para desprestixiar o galego na Cámara Baixa.

 

O paso histórico logrado no Congreso coa oficialización no hemiciclo do galego, catalán e euskera foi grazas, precisamente, á aritmética electoral e ao PSOE precisar dos nacionalismos para viabilizar a investidura. E o acontecido na UE volve amosar a relevancia do peso político propio que ten cada pobo no Estado e a cantidade de deputadas e deputados de opcións políticas que miran e coidan da xente e do territorio que teñen o deber de representar.

A secundarización do galego polo Estado español na UE reflicte o que leva acontecendo desde a entrada no mercado común: cada vez que houbo que aplicar cotas lácteas, fechamento de estaleiros ou reconversións navais... sempre se aplicaron os recortes na Galiza para protexer outros territorios, aqueles con máis poboación e son caladoiros de voto do PSOE ou do PP, en función do partido que estivera en cada momento no poder.

 

O menor peso poboacional que ten Galiza no Estado non implica unha condena a ter menor peso político, senón que este vai depender da obediencia á que respondan os representantes na Xunta e nos Parlamentos, de se representan os intereses do pobo galego ou se votan o que lles mandan desde Madrid.

Ningún comentario:

Publicar un comentario