por Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:
A lingua é unha facultade que distingue a especie humana indisolubelmente unida ao exercicio da razón e da comunicación estética. A lingua humana é unha, e, sen embargo, maniféstase en forma de linguas particulares e diversas. A maioría dos humanos, mesmo os poliglotas, comunícanse usando preferentemente unha soa lingua: a propia da comunidade orixinaria das partes comunicantes. Iso levou a sentir o mito de Babel coma unha maldición divina e, a diversidade lingüística coma algo chamado a ser abolido polo Progreso.
A multiplicidade de linguas so se manifestou recentemente coma un valor e un dereito que as mentalidades arcaicas e reaccionarias tenden a negar. O uso normalizado en España do galego, do catalán e do vasco, son constantemente cuestionados e só hai moi pouco que, tras períodos de represión múltiple, acadaron o recoñecemento dos poderes públicos no Estado Español. Aínda hoxe o noso idioma áchase desprovisto de toda lexitimidade na Asturias Occidental, provincias de León e Zamora e Val de Xálima onde vive no noso tempo.En todo o noso territorio, o galego áchase en perigo de minorización e padece deterioros que cobran diversas formas. Nesta columna entendemos que a solución final á situación so pode ser de carácter político. Si, áchase en relación directa co grao de autogoberno e poder de que dispoña o pobo galego para xestionar en libertade a súa propia política lingüística, e todas as outras políticas. Chamo a atención sobre un libro que acaba de ver a luz: Fernando Ramallo, "Que pasa co galego? 35 preguntas sobre a situación da lingua", Xerais, Vigo, 20023.
O seu autor, catedrático de Lingüística Xeral na Universidade de Vigo e sociolingüista de ampla traxectoria, consegue facer disección discursiva do corpo vivo do idioma propio na súa situación presente para difundir o estado real no que se atopa a lingua na que eu escribo e vostede le neste acto de comunicación que está a usar o galego como código. Pola ambición totalizadora, pola claridade estilística, pola pulcritude expositiva, estou seguro de que a obra de Ramallo está chamada a clarexar conciencias e influír nas opinións sobre o romance galego na nosa altura histórica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario