Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 13 de setembro de 2023

Feixoo renega do galego

 


por María Obelleiro en Nós Diario:

De ser presidente do Goberno galego de 2009 a 2022, enarborando o “Galicia, Galicia, Galicia” como slogan para gañar unhas eleccións, e de ser senador por designación autonómica de 2022 a 2023, só para marchar da Galiza e irse para Madrid, Feixoo pasou, directamente, a renegar do galego. Fíxoo de maneira explícita, sen arrubiarse, ao rexeitar o uso do idioma propio do país do que comeu nos debates e nas iniciativas do Congreso.

 

E fíxoo, tamén, cunha escusa infame: a económica. Falou de aforros o señor que gastou millóns de euros das arcas galegas en encher, por medio de convenios e publicidade, as contas de medios de comunicación que incumpren a lexislación en materia lingüística e que deturpan a toponimia legal.

 

Falou de aforros quen enfraqueceu a sanidade pública para engrosar os beneficios das multinacionais que fan negocio coas nosas vidas. Quen derivou millóns do ensino público a favorecer colexios do Opus que segregaban por sexo.

 

Quen escondeu unha declaración de bens e intereses que agocha un incremento do patrimonio máis que sospeitoso. Quen abraza os capos das grandes eléctricas. Pode haber algo máis triste e lamentábel que renegar da identidade da que te aproveitaches durante anos? Feixoo, aquel que lexislou contra a lingua galega no ensino, é un ultra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario