Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 22 de outubro de 2024

Derribar el Pórtico de la Gloria

por Lourenzo Fernández Prieto, en La Voz de Galicia:

 

Digámolo en castelán para coincidir coa maioría estatística de falantes galegos recentemente acadada. Derrubar o pórtico da Gloria sería un delito que non tería perdón posible polos séculos dos séculos. Habería responsables por acción, por omisión e imprevisión, por conivencia ou por falta de reacción, pero os principais responsables a lembrar serían sempre os que gobernan. A historia é así de específica diante de asuntos tan transcendentes na diacronía dos pobos, tan históricos. Aos responsables de derrubar o Pórtico sería difícil lembralos por algo máis ca ese gran desastre histórico. No presente da lingua, urxe cambiar o famoso decreto que afastou, minguou e vetou o galego nas aulas. Afastouno ao pólo a competir espido con outras linguas; reduciu o seu uso escolar e vetouno —prohibiuno— en materias chave. Hai moito escrito, estatísticas a moreas, sabemos que non é a escola a única garantía de aprendizaxe e uso do galego, pero non nos despistemos e que non nos confundan: é a porta de entrada garantida. É a garantía primeira de aprendizaxe e uso. Precisamente iso é o que demostra este triste caso do noso galego e mais do noso castelán emprestado (estatística e historicamente falando): a forza determinante da escola na deriva do seu uso potencial e efectivo. Pasará aos libros de lingua e despois aos de historia a inédita rapidez —a aceleración temporal— da perda de falantes do galego. Explicarase por que e tamén por quen aconteceu.

 

Pódense adubar datos, buscar desculpas verosímiles e inverosímiles, facernos trampas ao solitario, a estatística amosa unha tendencia rotunda sostida no tempo. Estamos vivindo o tempo histórico dunha tesoira estatística, cando as dúas liñas de porcentaxe de uso das linguas se cruzan, acelerando dramaticamente unha tendencia. Que a tesoira sexa ou non reversible dependerá do que fagamos.

 

Hai moitas razóns para explicar e interpretar a tendencia, son coñecidas nos diagnósticos, non entrarei nelas. Pero non me falen por favor da decisión individual nun asunto tan colectivo como a lingua, no que mesmo o individual é sempre unha acción social e responde a lóxicas comunitarias e por iso mesmo susceptibles de «gobernarse» con diferentes niveis de gobernanza. Hai un problema coa lingua que non pode agocharse máis. Tamén hai un conflito soterrado, provocado por algúns extremistas sectarios, torpemente usado por outros a prol das súas posicións políticas e electorais. Un conflito que os sectores sociais e institucionais que están a prol da lingua non queren recoñecer; asumilo é o camiño para garantir o futuro da lingua. E o paso para un acordo que converta a lingua nun factor de unidade ademais de identidade. Manter a inercia sen recoñecer o conflito é a morte. Se non se entende que quero dicir, mellor aclaralo: en Mallorca, a sociedade civil logrou parar o decreto de trilingüisimo (2011-2015). O revés foi xudicial, político e civil, na escola chegouse á insubmisión. Nada que ver co que fixemos en Galicia. Estase derrubando a lingua de nós sen que reaccionemos. A comparación entre a lingua e o Pórtico debémoslla a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Ningún comentario:

Publicar un comentario