Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 19 de outubro de 2024

Algo de galego dentro


 por Bieito Lobeira no Nós Diario:

"Todos temos algo de galego dentro", afirmou o secretario xeral de Política Lingüística na presentación dunha nova campaña, desas que tanto e tan positivo impacto e resultados teñen provocado nos últimos quince anos no uso do noso idioma multiplicando os seus falantes. Mais fóra de brincadeiras, a afirmación dá que pensar. Porque non sabes se se trata –iso de que temos algo de galego dentro– dun problema que cómpre extirpar, para que definitivamente eliminemos calquera resto de distinción nacional, ou ben, da constatación de que –como se dun "alien" se tratar– galegas e galegos posuímos unha pequena criatura rebuldeira dentro de nós, con vida propia, que está aí, queirámolo ou non, patexando, sen máis.

 

Alfonso Rueda, por exemplo. Eu non o teño claro, mais é posíbel que teña algo de galego dentro. Iso si, moi, moi, moi dentro del, nalgún recuncho tan profundo, descoñecido e afastado do seu ser que non se manifesta, e nunha proporción ben cativa, microscópica. Tanto que non se nota. Así séntese ben consigo mesmo, non se acomplexa nin avergoña por ser galego, e ademais agrada aos seus de Madrid. Tres por un.

 

 

Ou en tantos ámbitos da administración, onde agás honrosas excepcións, fanche sentir como cidadán de Sri Lanka se insistes no uso do galego no ámbito xudicial, poñamos por caso. Intuímos tamén que na dirección da radio e televisión galegas deben ter algo tamén de galego dentro. Incluíndo a quen na televisión ou mesmo en Radio Galega Música se dedica a excluír a rica e diversa expresión musical galega e en galego, ou a quen mantén a directriz de entrevistas "espontáneas" en español na TVG, ou na degradación da calidade do noso idioma en numerosos programas desa canle pública. Teñen tanta determinación que anunciaron a posta en marcha de "cen cursos de galego, presenciais ou online". Están desbocados estes do PP. Esta semana debeulles tocar quitar as pulseiras coa bandeira de España. Revolucionaria idea esa dos cursos, mentres ao mesmo tempo seguen a prohibir a docencia de materias en galego no sistema educativo, ou a súa práctica exclusión no ensino infantil.

 

Se en realidade tivesen algo de galego dentro, ou se algo lles doese o idioma deste país, poderían comezar desde o Goberno galego por non excluír sectariamente esta publicación –Nós Diario– das axudas aos medios de comunicación só polo feito de cometer o inmenso delito de ser o único xornal impreso que comunica exclusivamente en galego. É delirante que haxa quen, desprezando o galego, se beneficie economicamente dos subsidios para a súa promoción, e que quen o defende con coherencia resulte discriminado.

 

PS: E sen derrotismos claudicantes. Desde a plena convicción de que, sendo grave a situación do noso idioma, é unha situación reversíbel. De que se pode conseguir e de que o imos conseguir. Desde o convencemento de que a vontade colectiva deste pobo, máis firme do que moitos se imaxinan, poderá vencer e reverter o proceso de substitución lingüística. Ímolo facer. Non teño dúbida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario