Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 1 de outubro de 2024

A falsa harmonía

 Editorial de Nós Diario:

Cantas veces escoitamos o presidente Alfonso Rueda, e previamente Alberto Núñez Feixoo, enarborar a bandeira dese suposto "bilingüismo harmónico" que, segundo os dirixentes do PP, existe na Galiza? O discurso da Xunta bateu onte unha vez máis coa realidade a través do informe publicado polo Consello de Europa advertindo do incumprimento de diferentes compromisos adquiridos polos Gobernos galego e estatal en materia lingüística no marco da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas nas súas relacións coa xustiza, na sanidade ou no ensino. O documento saca as cores á Administración e urxe "eliminar as limitacións" que impiden, entre outros aspectos, que a lingua propia do país —só o galego, malia que no pasado Rueda outorgara tamén esta distinción ao castelán— poida usarse cando se imparten as materias de ciencias. O uso do galego tampouco está garantido na atención sanitaria ou nos servizos sociais, algo que xa sabiamos pero que agora constata o Consello de Europa.

 

O Goberno de Rueda non está afeito a que contradigan as súas políticas. Vímolo este verán no Parlamento cando o presidente intentou quitar ferro ao demoledor informe do Consello de Contas alertando do "sobrecusto" do Hospital Álvaro Cunqueiro, ou máis recentemente cando cuestionou o do Consello da Cultura Galega sobre o impacto da macrocelulosa de Altri na Ulloa. Veremos que opina agora do Consello de Europa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario