Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 5 de outubro de 2024

Incumprimentos

 


por Marta Dacosta en Nós Diario:

No Día Europeo das Linguas, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Minorizadas fixo público o seu informe sobre a situación do Estado Español. A información que transcende zumega corrección. Tanta que non utiliza a palabra "incumprimento". Fala de que hai que "redobrar os esforzos", e mesmo así, non di iso sen antes colocar a venda para a ferida: "España conta cun sistema ben desenvolvido de protección e fomento das súas linguas rexionais e minoritarias". Vaites.

 

Demasiada temperanza para unha situación que se prolonga no tempo e que nalgúns casos, coma o galego, foi de clara involución, tamén no sistema normativo.

 

Non se trata de redobrar esforzos, trátase de asumir que temos dereito a vivir en galego en todos os ámbitos. Trátase de garantirnos a liberdade de falar en galego. Porque esa liberdade non existe. Porque na nosa vida diaria seguimos topando con obstáculos e falar na única lingua propia de Galiza pode converterse nunha loita en que temos que armarnos de paciencia, burocracia e lexislación para reclamar algo que xa debería ser noso. Exemplos? Abonda con coller este mesmo xornal e ir repasando as novas deste mes: os avogados aos que o INSS lles negou atención en galego, o estudante da UNED que suspendeu un exame por facelo en galego, os representantes da Mesa denunciados pola policía de Rianxo por ter defendido o dereito dun cidadán que esixía ser atendido en galego no Sergas. Inconcibíbel.

 

E cando chega o informe aínda temos que ler que o Secretario Xeral de Política Lingüística di que constata que non hai conflito. Ou que o Conselleiro de Cultura e Lingua, cando o BNG lle pregunta polo anunciado pacto pola lingua, retruca que teñen que abandonar a crispación e madurar. A nota institucional da Consellaría recolle esta frase do Conselleiro: "As linguas son pontes entre culturas e cidadáns, nunca muros e parapetos". Porén, nós batemos co muro dun goberno non comprometido co idioma e que non garante a nosa liberdade de exercer como galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario