Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 28 de maio de 2024

O galego morrerá de amor

 por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Imaxinan que o presidente Sánchez remate unha intervención institucional dicindo «que haiga buena salú pa tos ustedes»? Pois ese é o nivel que aceptamos para os usos públicos do galego: políticos que colocan os pronomes coma marcianos, locutores que non pronuncian sete vogais, rótulos sen acentos. Cada vez que un parlamentario di un «llo agradezco moito» —epítome do desastre— morre un miquiño.

 

Nalgún momento aceptamos que todo valía con tal de sumar falantes, e non contabamos con que a diglosia tamén levaría por diante a aceptación da norma do galego culto, representada por líderes sociais para quen a lingua é só atrezzo de marca branca. Un pode gabarse de descoñecela, coma se non estivese no ensino desde 1979, que non pasa nada. Comprensión total.

 

Agora, a diferenza de clase xa non se marca falando castelán, senón falando mal galego, e a triste realidade é que os contextos públicos serven a moitos para pagaren a penitencia de sabérense alleos á lingua; tamén para contentar a mala conciencia por crer inferior á mesma masa galegofalante que precisan para os seus obxectivos (votos, audiencias, pátina cultural).

 

 

Pero quizais sexa precisamente iso o que queremos: unha lingua estragada que só serve para rituais coma o día 17 de maio.

 

Cando foi que as galegas cultas nos apropiamos da desconfianza coa que só os ignorantes observan a corrección lingüística? En que momento asumimos que non é ridículo falar trampitán? Só aquí alguén que non sabe falalo pasa por amante do galego. Pero bad news: o amor non soporta todo, e detrás de tanto amor polo galego hai un indisimulado desprezo por el.

 

Case preferiría menos amor.

 

Conformaríame con que faledes galego como desexades que os vosos fillos falen inglés, esa lingua que non amades porque nunca lembrades que tamén hai pailáns que falan inglés perfectamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario