O alumnado de Expresión Artística de 4º da ESO do IES Antón Losada (A Estrada) elaborou un fermoso traballo sobre "A Coruña de Luísa Villalta" que aparece explicado neste vídeo. Non é unicamente un traballo da aula de plástica, é tamén unha denuncia da especulación, unha posta en valor da resistencia democrática fronte ás ditaduras. O mellor é ver o vídeo e ler estas palabras dos paneis de presentación do proxecto:
Retratamos a Luísa Villalta como un faro que nos ilumina coa súa persoal ollada a través dunha verbas que cantan á Coruña, ao que se perdeu co paso do tempo, coa especulación, co egosísmo... e que non soubemos ou non quixemos parar.Trátase dunha escolma de 9 poemas vencellados a 9 "lugares" emblemáticos da cidade, 9 anacos que a constrúen.Compartimos con vós a nosa visión particular de todos eles mediante a metáfora bordada e recortada en 9 anacos de velcro.Analizamos o traballo das chamadas "arpilleristas chilenas", nais, irmás, viúvas... dos desaparecidos durante a ditadura de Pinochet. Mulleres que aparentemente se entretiñan e tentaban sobrelevar a dor bordando inxenuas e inocuas arpilleras con anacos de teas de cores. Mais acabaron converténdose nunha das principais fontes de información sobre o réxime que se tivo no estranxeiro.
Para máis información, consultar o blogue do ENDL do IES Antón Losada que ten moitas máis fotos da exposición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario