Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 24 de maio de 2024

Liberdade e política para o galego

 


por Marcos Maceiras, no Nós Diario:

En Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, libro da autoría de Elsa Quintas e miña, editado por Laiovento, que sairá do prelo proximamente, tentamos achegarnos a liberdade para o uso do noso idioma nos principais ámbitos da vida social, especialmente naqueles nos que existen compromisos adquiridos polo Estado ou acordos que alcanzaron todas as forzas políticas en Galiza. Advertimos, para comezar, que de xeito incompleto e parcial. A exclusión e as limitacións para o galego son tan amplas que nin teríamos espazo para entrar en todas elas. 

 

É habitual escoitarmos destacados voceiros da política galega, aos que podemos engadir os dous últimos presidentes da Xunta de Galiza, referírense á liberdade no uso do galego: promover o idioma respectando a liberdade, usalo ou potencialo con liberdade...
Son afirmacións que calquera podería partillar, especialmente se atendemos a todos os espazos onde –ao contrario do que acontece co omnipresente español– non hai posibilidade de uso do galego. Con certeza, se a liberdade para o uso do galego existise de sempre na Galiza, hoxe a situación sería outra e declaracións como as sinaladas resultarían extravagantes. 


Porén, todos e todas entendemos a que se refiren exactamente. Para eles, a liberdade só é aplicábel e exercíbel en español. O dereito a usar o galego debe ficar unicamente no plano formal. Na verdade toleran o uso do galego como unha ocorrencia, unha concesión graciosa, unha nota de cor, un capricho autorizado mentres non cuestione a plenitude e superioridade do español, metonimizado na liberdade, o principio que porá en dúbida calquera persoa ou movemento que reclamar para o galego a mesma presenza, usos, marco legal e social de desenvolvemento do que goza o español.

É esta a situación do galego? Abonda coa propia vontade para facer uso da lingua do país? Ou existen impedimentos materiais, situacións de coaccións ou condicionantes de calquera tipo que obstaculizan o seu libre desenvolvemento?  Pode materializarse o seu uso en todos os ámbitos? Ten a presenza necesaria para asegurar o seu uso? Podemos dispor dela en todo e para todo?
A liberdade para o uso do noso idioma está condicionada a se manter sempre baixo a subordinación e secundarización respecto do español. Non é unha afirmación abstracta. Contrastámolo con datos en cada un dos informes periódicos que a Mesa pola Normalización Lingüística foi remitindo a solicitude do Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas ou do Relator especial da ONU para os dereitos da minorías en 2019.

Precisamos do galego

Os pobos que aspiran a niveis altos de prosperidade e benestar social mantéñense e apóianse na normalidade da súa lingua para todos os usos. É necesidade que indica fortaleza, autoestima e confianza en si propios e característica das nacións con niveis de desenvolvemento elevados. Exemplos hai abondo nos primeiros postos do Índice de Desenvolvemento Humano que anualmente publica a ONU, como os hai de limitacións e prohibicións aos propios idiomas naqueles que permanecen na parte baixa da táboa. A situación das súas linguas é boa mostra das posibilidades destes pobos para se desenvolveren conforme ás súas necesidades, sen inxerencias nin sometementos a intereses externos.

Dignificar unha lingua é dignificar o pobo que a fala. Desprezar unha lingua é desprezar o seu pobo, pór en cuestión a súa propia capacidade de desenvolvemento cultural, económico, político e social. O dereito dos pobos a empregaren a súa lingua é un dereito humano e sinónimo de democracia, de liberdade e de progreso social. 

Nos últimos quince anos a Xunta abandeirou a maior regresión e difusión de prexuízos sobre o galego da historia autonómica, baleirando o mandato legal de promoción da nosa lingua. Transforman en "imposición" a aspiración a que o noso idioma sexa tan normal, audíbel e visíbel como calquera outro no seu propio país. A "liberdade" cínguese ao uso do español, que si conta con todos os dereitos efectivos, toda a protección e todo o impulso que lle discuten ao galego.

A quen fai mal que poidamos vivir en galego, iguais a calquera outro pobo? Aos profetas da España uniforme de sempre que odian a pluralidade, tamén a lingüística. 

O galego non é un capricho ou unha extravagancia. É unha necesidade para vivir con dignidade colectiva, nunha sociedade plural e democrática que non admita o odio. Contra ninguén. Moito menos contra si prop

ia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario