'Luísa Villalta: a rebelión da palabra' é a serie documental web da Real Academia Galega sobre a autora á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2024. A proposta documental, dirixida por Damián Varela Pastrana e con guión de Alba López Álvarez, incorpora artistas do ámbito da poesía, a música e as artes escénicas para achegar o público á esencia da autora.
O primeiro episodio traza o percorrido biográfico da poeta, narradora, ensaísta e articulista dende o seu nacemento na Coruña no ano 1957 ata o seu pasamento na mesma cidade no 2004. O resto dos capítulos (ata 6) poden verse nesta lista de reprodución.
A serie conta cos testemuños de María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada; Rubén Anido e Manuel Pérez, alumnos de Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo de Sada; autoras e autores que a coñeceron de preto e outras amizades e persoas que estudaron ou editaron parte da súa obra: Pilar Pallarés, Marga do Val, Ana Pillado, Xurxo Souto, Xosé Luís Martínez Pereiro, Estíbaliz Espinosa, Xosé María Álvarez Cáccamo, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ana Romaní, Maribel Longueira, Francisco X. Fernández Naval, Armando Requeixo, Alexandrina Fernández Otero, Inma Otero, Pilar García Negro, Margarita Ledo, María Xosé Bravo, Susana Sanches Arins, Lorena Conde e Inés Salvado.
'Luísa Villalta, a rebelión da palabra' é unha produción da Real Academia Galega realizada por Miramemira co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario