Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 24 de maio de 2024

O cuco e a política lingüística


 Editorial do Nós Diario, por Xoán Costa: 

O 6 de marzo de 2004 morre Luísa Villalta. O cuco segue no cubil. En maio as Letras festexan Xaquín Lorenzo, etnógrafo, bon coñecedor do refraneiro. O cuco sae do cubil. O 21 de setembro dese ano o Parlamento galego aproba o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL). O cuco xa marchara, mais seica o seu cantar soara falso, porque a falso soa ás veces. E quince veces cantou desde que a plana maior do PP, con Rueda á fronte, apoiou aquela manifestación de Compostela pedindo menos galego; e catorce desde que o DOG prohibiu as matemáticas en galego. O cumprimento do PXNL, que tampouco era ningún manifesto vangardista, fica aí, a escoitar cantar o cuco. E dixemos: “Quen do cuco fía, ou é moi burro ou cucar ansía”. Cucar, enganar, mofar, burlar, aparentar, que o mesmo significan. Até maio de 2024. O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude cuca no Parlamento: é momento de “iniciar xuntos un gran pacto pola lingua” di. Que cucada!!!

 

Mañá, 18 de maio, é o aniversario da creación das Irmandades da Fala na “cidade tatuada na pétrea pel do mar” que cantou Luísa Villalta, conmemorada hoxe no Día das Letras e sempre comprometida coa Galiza viva, co galego vivo.

 

Outro é o cucar do Goberno Galego e todo me leva a pensar que as políticas lingüíscas do PP son canto de cuco difícil de fiar, fácil de cucar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario