por Bieito Lobeira en Nós Diario:
No ensino non universitario prohibiron o estudo en galego das matemáticas, física, química e tecnoloxía. Eliminaron as garantías de uso do galego no ensino de crianzas entre 0-3 anos e suprimiron as galescolas. Na universidade máis "galeguizada" (a de Compostela) a Facultade de Medicina imparte en español 95,5% das súas materias. O restante 4,5% en galego: rango de lingua estranxeira (inglés, na área de humanidades da USC está en 12,5%).
Dinamitaron calquera mínima expresión dun espazo galego de comunicación. A súa política discriminatoria e excluínte provocou o peche de tres medios escritos e outros cinco dixitais en galego, primando e subvencionando (cartos públicos!) aqueles que o utilizan de xeito residual, que traducen ao español as declaracións orixinais en galego, ou mesmo aqueles que nin respectan a toponimia orixinal do país nas súas edicións. Con quen non poden acabar é con Nós Diario. E da programación da TVG e Radio Galega mellor non falar.
Eliminaron o galego como proba nas oposicións á administración pública galega. Non é posíbel exercer o dereito a usalo na administración se o funcionariado non é quen de poder utilizalo oralmente e por escrito. Até se negaron a garantir a atención en galego, telefónica ou presencial, nas dependencias da propia Xunta.
O noso idioma é unha ficción no campo xudicial. Os casos de heroísmo neste ámbito non chegan a 5% das actuacións. 95% restante, en español. Rexeitaron accións de coñecemento da realidade galega e de dominio lingüístico á comunidade inmigrante. Permitiron que bancos, entidades financeiras ou aseguradoras incumprisen a lei para así poder discriminar usuarias e usuarios no uso do galego. Vulneraron a legalidade (Lei 4/2006) e sen complexos, presidente, conselleiras e altos cargos do Goberno exclúen o galego no desempeño público das súas funcións.
Negáronlles a nenas e nenos o seu dereito a aprenderen e a se formaren en galego, tanto no ensino como na programación infantil e xuvenil na TVG. Só 0,6% de xogos e xoguetes poden ser desfrutados no noso idioma. Rexeitaron acordos que permitisen asistir, tal e como estaba previsto, á exhibición de filmes en galego nas salas comerciais do noso país.
Enganaron á sociedade, facendo crer que o uso do español era un acto de liberdade e o galego imposición, convertendo ás vítimas en verdugos. Reproduciron os peores esquemas de autonegación nun pobo que o que máis precisa é autoestima.
E agora, "casualidade", na semana do 17 de maio, veñen estes mesmos señores, renegados do idioma que lles dá de comer, visten o disfrace galeguista, e propoñen "un gran pacto pola lingua". Teñen cara de formigón armado. Pactar o que? O dano que lle fixeron a este país? Porque o único pacto existente, que eles rebentaron, foi o Plan xeral de normalización da lingua galega do 2004.
PD: Milleiros de persoas Queremos Galego. Demostrámolo onte. Reto inmediato: traducir simpatía e mobilización en acción organizada e presión social a prol do idioma. Hai futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario