Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de maio de 2024

Dous discursos


 por Manuel Bragado en Nós Diario:

Non fai falta ser sociolingüista para identificar que nos discursos do 17 de maio sobre o estado da lingua, o presidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de Cultura utilizaron argumentos e linguaxe non verbal alternativos. Mentres Alfonso Rueda, moi serio e con escasa empatía, transformaba o Día das Letras Galegas no día das linguas cooficiais, alegando que "as linguas son para comunicar, non para provocar ningún conflito ou ningunha liorta", o conselleiro José López propoñía con certa empatía un gran pacto pola lingua, sen precisar detalles, mais que tivese en conta que "perdemos falantes e non acabamos de construír un proxecto para as novas xeracións", abrindo unha fenda de autocrítica e posibilidade de recuperación do acordo roto en 2009.

 

Futuro para o idioma que na mesma mañá reclamaron en Compostela as 15.000 persoas participantes na mobilización convocada pola plataforma Queremos galego e o propio presidente da Real Academia Galega que nunha entrevista radiofónica reclamaba con contundencia a derrogación do Decreto de Plurilingüismo (2010). E cabe preguntarse se a proposta de pacto de José López é sincera e compatible co discurso negacionista do conflito lingüístico utilizado decote por Rueda. Xaora, máis alá das interpretacións especulativas sobre estes discursos, o Goberno galego ten a obriga de presentar a avaliación (anual) de resultados prevista na disposición adicional quinta do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo. Un imprescindible exercicio de claridade, pendente dende hai máis dunha década, cuxos resultados contribuirían a reorientar o actual modelo de educación plurilingüe cuestionado pola maioría dos claustros. Con todo, como sucede co programa E-Dixgal de educación dixital, tamén pendente de avaliación de resultados, temo que a Consellaría de Educación volva a desentenderse de cuestión tan decisiva para o futuro do idioma. Ben salientou Freixanes o 17, diante de Rueda, que no tema do galego "ou avanzamos ou retrocedemos". Velaí os dous discursos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario