editorial por Alberte Mera, en Nós Diario:
Despois de onte a maioría de xornais levaren a súa capa en galego polo 17 de maio, hoxe voltarán a aparecer en castelán. Sería lóxico nun país normal que a prensa empregase a lingua propia; porén, o 18 de maio de 2024 este xornal continúa a ser o único diario impreso en galego. Reducir a lingua galega a un día é levala a ritualismo. Pola contra, prestixiar o galego é facer xornalismo crítico e riguroso na lingua propia os 365 días do ano. Hoxe como onte e desde o número 1 de 2 de xaneiro de 2020, a razón de ser e de existir deste medio é servir aos intereses galegos e normalizar o idioma. Ofreceuse esta semana desde a Xunta un pacto en prol do galego. Que necesario sería un pacto que restitúa o idioma da Galiza como lingua vehicular e de aprendizaxe no ensino, levantado a prohibición de impartir materias como as matemáticas en galego. Pídeno milleiros de persoas que onte se mobilizaron en Compostela con Queremos Galego e reclamouno esta semana nunha entrevista concedida a este xornal a doutora en Matemáticas Elena Vázquez, que vén de recibir o Premio á Divulgación Científica da Real Academia Galega das Ciencias. Pasou o día de homenaxes institucionais a Luísa Villalta, mais a súa letra, sentimento, integridade e creación están vivas cando escribimos e falamos en galego. A letra de Luísa en nós sempre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario