Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 19 de xuño de 2022

Pobre español en Galicia

 por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Como todo o mundo sabe, as nosas fillas non oen unha palabra de castelán desde que entran na escola ata que, rodeadas de galego por todas partes, chegan á casa. Menos mal que alí, agochadas entre o retrete e o bidé, logramos que o castelán resista, malia a persecución. E a culpa, nisto coma con todo, é de Feijoo, ese galeguista.

 

Que ben soubo Feijoo impor o galego! Logrou que o falase todo o mundo cando hai só vinte anos era falado por unha elite de ricos culturetas que non pararon ata impoñer o seu estilo de vida á xente das aldeas que tan ben estaban falando castelán cos porcos e coas vacas, cantándolles fandangos ás nabizas e xotas aragonesas na vendima. Feijoo, revirado, sen que se soubese se subía ou baixaba, eliminou o castelán das teles e obrigou á Radio Galega a só pór folk. En Melide xa fan que non te entenden se pides un café con leche. Pero, ai, menos mal que nos queda Vigo e os seus actos diarios de resistencia: discursos en castelán desde as terrazas, volantinas nos colexios («Atrévete: 21 días con el español») e reunións coas matronas («Háblale en castellano a tu bebé»).

 

Pobre español en Galicia, dixo o melillés Guillermo Díaz, deputado de Ciudadanos por Málaga, que nos pillou a estrataxema agora que a imposición do galego xa pasou do Padornelo e, paseniño, chegou á Costa do Sol, onde os ingleses xa piden licor café e preguntan por pandeiretas nas tendas de souvenirs, que a culpa é das Tanxugueiras, xa se sabe, e agora de Rueda, que xamais se dignou a facer unha foto nin con Gloria Lago nin con ninguén da asociación Hablamos Español.

 

Pobre español en Galicia, din en Ciudadanos, igual que en Vox, eses partidos do respecto, a calma e o diálogo. Pobre español en Galicia, por culpa de Feijoo. E non era un chiste

Ningún comentario:

Publicar un comentario