Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 1 de decembro de 2020

A lingua de Castela

 por Lourenzo Fernández Prieto, en La Voz de Galicia:

Non sei que máis podemos dicir, agora que as dereitas españolas converten a lingua nun instrumento de mobilización opositora, aproveitando a palabra «vehicular», que só ten significado como metáfora. O ministro Wert meteu ese termo na lei de educación do PP para combater o seu uso na lei catalá. Dende hai dous séculos, a lingua única foi un instrumento de construción nacional dos estados, aínda así nalgúns, nomeadamente no español, sobreviviron ou resistiron outros idiomas, nomeadamente o galego e o catalán. Porén, o respecto a outras linguas dentro dos estados é un asunto recente, posterior a Carta dos Dereitos Humanos de 1948. Claro que en España, por razóns obvias, ese respecto retrasouse moito máis. A lingua de Castela, estendida polos vellos territorios coloniais ultramarinos, foi lingua do Imperio, pero xa non o é, agás na testa capitidiminuída dos imperialistas fracasados.

 

Non sei que máis se pode dicir a estas alturas, cando o galego non para de recuar e o castelán non deixa de se impoñer. O retroceso do galego falado vén de lonxe e a falta de avance do galego escrito vémola de cote. Cando se aprobou o decreto de 2010, a última lexislación lingüística en Galicia, todos os sectores implicados manifestáronse contundentemente en contra: a Academia, o Consello da Cultura, Anpas, sindicatos do ensino, toda a oposición, os expertos académicos. Pese a tanta oposición, nos centros de educación acataron o imperio da lei. Nin resistencia, nin insubmisión foron quen de artellar todos eses descontentos e, como non soubemos promovelas, sufrimos os efectos do decreto dende hai unha década. Aquel decreto só o agradeceu unha señora de Vigo que non lembro como se chamaba, pero que coñecemos moito daquela, arroupada polo deputado Rueda e a deputada Pastor por usar a habitual linguaxe política-mercantil, non había demanda de modificación do statu quo, só había demandiña.

 

Galicia tivo ata hai unha década unha situación de concordia básica para o uso das dúas linguas oficiais. Insatisfactoria e insuficiente para promover non o avance, senón sequera a pervivencia respectuosa do galego, pero que garantía a mera supervivencia a través dun coñecemento aceptable na escola. A simpatía cara a lingua agochaba calquera antipatía, grazas á reprodución de marcadores positivos e amables establecidos polo galeguismo durante a construción da autonomía. Todo iso rachou co decreto. Non sei ben que hai que protexer, sei que dúas fillas e un fillo entráronme na escola falando galego e saíron falando castelán. E todos sabemos que se agora queren unha guerra lingüística a prol dun español único, que xa mesmo perdeu o nome de castelán, aquí non a van ter. Sabemos que o galego perdería unha vez máis. Ou non?

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario