Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de setembro de 2020

Conciencia e respecto para recuperarmos o idioma


 por Marcos Maceira en Nós Diario:

 Usar o noso idioma no noso país é un dereito que deberiamos poder exercer, non por sermos galegos, senón, simplemente, por humanos que, coma todos, teñen lingua de seu. Porén, na redacción da Constitución Española non tiveron tempo nin espazo para indicar que non pode prevalecer a discriminación por razón de lingua, copiando, aínda que fose, da Declaración universal dos dereitos humanos. Pola contra, non se esqueceron de deixar ben claro que o noso deber é coñecer o castelán. De aí tiran, como nos lembraba hai pouco o Ministerio de Igualdade, a conclusión de que tamén debemos usalo para garantir o seu suposto dereito a ignorarnos.


Permítennos aspirar á condescendencia, sen que sexa nunca hora do galego porque sempre hai urxencias máis clamorosas que atender. En todas elas hai que empregar unha lingua que nin o tempo, nin o espazo nin os recursos permiten que sexa a nosa. Tempo, espazo e recursos nunca se perden en español.

 Tanto é así que o Ministerio de Facenda indica para a Base Nacional de Subvenciones, na que se deben publicar os contratos de Administracións Públicas como os concellos que a lingua de uso obrigado para maior transparencia financeira e a loita contra a fraude e a corrupción é o español. Isto explica os retrocesos do uso do galego nos concellos, mais non por que as grandes tramas de fraude e corrupción recentes no Estado teñen en español a documentación que as acredita.

 

Galegas e galegos pagamos ao Estado impostos, taxas, cotas e multas. Non podemos escoller se o facer. É obrigatorio, aínda que nin a Seguridade Social nin Facenda permitan o uso normal do galego. Desta obriga, Galiza perde millóns de euros ao ano na diferenza entre o que o Estado nos cobra e o que retorna. Como nos corresponde? Para comezar, a maior parte dos formularios, trámites ou atención telefónica coa Axencia Tributaria non se poden realizar en galego.

 

Nin un só destes millóns de euros serve para que TVE teña en galego a programación que calquera crianza de Albacete, Madrid ou Guadalajara pode ver e gozar na súa lingua a través da canle Clan TV que de 24 horas non ten ningunha ou un só minuto ou un só segundo para o galego na televisión estatal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario