Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 26 de setembro de 2020

O galego non serve para nada

 Comunicado da Asociación Cultural Vagalumes:

Talmente iso é o que se di no punto 1.12 das bases do Concurso para a humanización da Praza da Feira na Estrada. En concreto, a frase é: “Todos los concursantes presentarán la documentación, en castellano o en gallego con traducción al castellano”. Velaquí a lección: o galego é unha lingua subsidiaria que non serve para nada; se alguén desexa utilizala, terá que engadir a tradución no idioma que realmente conta, o español, lingua na que tamén está redactado o documento. 

O noso Concello conta cunha Ordenanza Municipal reguladora da normalización lingüística, que foi aprobada en sesión plenaria o día 1 de febreiro de 2018 cos votos favorábeis de todos os grupos políticos. Este documento iníciase coa seguinte declaración de intencións: “A lingua constitúe a principal manifestación da identidade cultural dun pobo. O galego, como lingua propia de Galicia, constitúe o principal patrimonio cultural da nosa Comunidade, e é sinal de identificación e diferenciación de Galicia”. A continuación, establécese o marco legal no que esta ordenanza se insire: o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística. E continúa o texto da seguinte maneira: “Segundo a normativa anteriormente mencionada e, tendo en conta que as corporación locais son as administracións máis próximas aos cidadáns e as que máis preto viven a marxinación da lingua galega, este Concello elabora a presente Ordenanza co fin de promover e regular o uso da lingua galega por parte do Concello da Estrada”.

 Estas palabras da Ordenanza municipal semellan apropiadas e correctas. Recoñécese que a lingua galega está nunha situación de marxinación e que precisa de promoción. Todo perfecto. Mais, na práctica, o tratamento que atopa a lingua galega por parte do goberno municipal do Concello da Estrada é, en vez de promoción, proscrición. A pesar de estarmos acostumados ao desleixo institucional en materia lingüística, resúltanos verdadeiramente asombroso semellante exercicio de hipocrisía e falsidade. 

Desde a AC Vagalumes manifestamos a nosa repulsa e indignación perante este feito e facemos un chamamento ao goberno municipal para que, cando menos, cumpra a súa propia lexislación. Na Ordenanza municipal reguladora da normalización lingüística, no punto 1.2 establécese que o galego é o idioma de uso normal no Concello, polo tanto o idioma en que irán redactados todos os documentos; e no punto 4.2, referido aos estudos, proxectos e outros traballos que o Concello encargue a terceiros, indícase que deberán ser presentados na nosa lingua. 

Fronte a este asombroso e indignante incumprimento, debemos reaccionar colectivamente, exixindo o que a nosa lingua precisa: políticas verdadeiramente normalizadoras e plans activos para conseguir rachar coa desgaleguización social e cos prexuízos que continúan a limitar e pexar a súa normalidade. Non podemos consentir por máis tempo que as institucións públicas actúen en contra da nosa lingua. Xogámonos niso o futuro do país e os nosos inimigos ben o saben.


Ningún comentario:

Publicar un comentario