Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 5 de xullo de 2018

A tua privacidade é importante para nós

por Carme Adán no Sermos Galiza:

Moitas palabras fermosas e xustas afondan no gran legado que Xabier P. Docampo deixa tras de si. Aínda así, sabemos que moito fica por escribir da súa obra e da personalidade vital e comprometida que conseguíu fascinarnos.
Tiven o privilexio de desfrutar da arte de conversar coa que Xabier agasallaba ao mundo. Xeneroso co seu tempo, onde xeneroso significa dar o que tes. As nosas conversas non foron de literatura, nin sobre viaxes imaxinarias, illas perdidas ou historias de medo. O azar, ou a afinidade en ideas, fixo que poidera escoitar a súa apaixoada defensa por pensar outra Galiza. Mellor dito outro futuro para Galiza.


Foi nunha manifestación contra o “Decreto do Plurilingüismo” a primeira vez que falamos de vagar. Desde ese berrar compartido contra un vergoñento decreto, elaborado desde a xenreira e o revanchismo político, moitas veces voltei a escoitarlle: “este país vaísenos”. Defendía o compromiso político, a necesidade do nacionalismo para que Galiza perviva. El, tantas veces denominado mestre de mestres, sabía ben das dificultades de elaborar e organizar proxectos. Poñerlle pés ás ideas para que camiñen ten moitas dificultades. Non as eludiu. Durante meses escoitei os seu consellos e reflexións a respecto do que debería ser “Nós-Candidatura galega”. Aínda que parte diso fique esquecido, a súa firme vontade por pensar unha e mil veces o nacionalismo para termar deste país é un legado que non quero incluír tamén no olvido. As palabras sabias, a defensa da lingua e a cultura, foron o seu compromiso principal. Mais para que o país siga con nós, mais importante, siga cas e cos que agora están a ler a súas obras nas clases dos institutos, necesitamos de homes e mulleres que, como Xabier, o dan todo a quen os rodea para tecer comunidades de ideas e sentimentos.



Lembro a última conversa que tivemos. Falamos por teléfono sobre a Filosofía. Sobre a súa importancia para o ensino. Sobre a necesidade de pensar e de ensinar a pensar. Sobre liberdade e pensamento. Todas palabras inmensas e cotiás tempo. Aínda que a dor ten poucos matices. Sempre é fría. Sen embargo, a lembraza desta conversa faime sorrir e penso en todas as cores da vida que ti nos facías ver. Que afortunadas e afortunados somos as galegas e galegos por poder voltar sempre aos teus artigos, as túas novelas, as túas charlas, aos teus limiares, as conversas que ficaron na nosa pel.


Teño que agradecerche que en tantas ocasións repetiras: “Escribe, ti escribe sempre”. Porque agora, cando choro, Xabier, escribo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario