Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 23 de xullo de 2018

Carta ao reitor da Universidade da Coruña

por José Manuel Pazos Riveiro, nas Voces de ProLingua:

Estimado señor reitor:
Namentres desenvolvía os labores propios do meu sexo, - face-lo xantar, tende-la roupa, - tiña posta unha orella en “El coruñés opina”do pasado domingo,17 de Xuño.
Co gallo das probas de ingreso na Universidade, a directora deste programa da cadea SER xuntou na súa mesa un grupo de docentes, todos/as agás un do eido universitario coruñés, para falar da organización actual das carreiras universitarias e do seu futuro.
Desde o intre mesmo de dar comezo as súas intervencións decateime de que ningún deles empregaba o galego. Tampouco o fixo unha señora vicerreitora da súa reitoría. Mesmo un investigador de tese de doutoramento moi loubada, con manifesto acento e dicir lusófono falou na lingua de Cervantes. Nin unha verba en galego por parte de ningún deles nas dúas horas de programa. Deixo constancia de que o único dos alí presentes que empregou a nosa Lingua foi un profesor de Ensino Secundario, especialista dos Equipos de Apoio da Consellería de Educación, Domingo Álvarez. Podería sinalar ós outros pero non me parece “elegante”.Un termo moi coruñés.
Estimado señor, nestes días, os media de comunicación veñen cheos de informes e estatísticas sobre da perda imparable de falantes da nosa Lingua. Atribúen tal desastre ao malfadado Decreto da Xunta, máis concretamente, ao feito de non se impartiren obrigatoriamente en galego algunhas disciplinas do Ensino Primario e Secundario. Polo que puiden ouvir, a nosa probe Lingua tamén anda comesta dos ratos nesa “alma mater” da súa digna dirección.
Bo será que lle preste atención a este asunto non menor e que lle atinxe directamente. Vénseme a cabeza aquilo do Libro Santo, Mateo 15, 14: “Se un cego guía outro cego ambos os dous caen no furado”.O furado será a noite preta da nosa Lingua e do noso País.
Atentamente.

Asdo. José Manuel Pazos Riveiro
DNI 33144249F

A Coruña, 20 de Xullo de 2018
Sr. Dn. Julio Abalde Alonso, Reitor da Universidade de A Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario