por Manuel Bragado en Luzes:
«Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retorna á casa desde o momento mesmo en que puxo un pé fóra dela. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato. Por iso os camiños que emprende o Viaxeiro son vieiros que conducen ao coñecemento e á aprehensión da beleza, que tantas veces hai que rescatar do medio da miseria e do mal…»
«Viaxar é ir ao encontro do que nos emociona na súa contemplación e diante do que abandonamos todo desexo de posesión, porque o gozo está en recibírmolo de xeito gratuíto.»
Así comeza O libro das viaxes imaxinarias (Xerais, 2008), unha das obras máis fermosas da narrativa galega de todos os tempos, na que Xabier P. DoCampo, contando coa colaboración do seu amigo Xosé Cobas, recolleu a súa forma de entender a propia vida, como viaxe, como experiencia irrepetible e única na que procuramos a beleza ou agardamos atopar ao chou aquilo que nos emociona. Unha experiencia que nos constrúe como seres humanos, facilitándonos aprendizaxes e activando a memoria, axudándonos a madurecer e a compartir coas persoas queridas unha parte das nosas vidas.
Eis para Xabier DoCampo radicaba a importancia da viaxe e do seu imprescindible relato, sexa pola narración oral ou escrita que fagamos sexa polas testemuñas visuais, esas instantáneas que apreixamos roubándollas á fugacidade da luz. Xa non é imprescindible para realizar a viaxe afastarse milleiros, mesmo centenares, de quilómetros do limiar da casa. É posible, tamén, percorrer devagariño as rúas e vieiros da propia cidade coa actitude inocente do viaxeiro, coa ollada á espreita disposta á sorpresa e o abraio.
Xabier fixo da súa vida unha viaxe e desta viaxe un relato que compartiu nunha obra narrativa esencial para conformar tanto o actual corpus da literatura infantil e xuvenil galega, da que como membro da Xeración Lamote foi pioneiro, mais tamén para deitar unha olla ética na narrativa contemporánea de noso, con títulos memorables como o xa citado O libro das viaxes imaxinarias ou A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a novela derradeira na que deitou a súa memoria da infancia chairega en tempos de intransixencia. Unha obra narrativa na que ofreceu, ademais, títulos emblemáticos para varias xeracións que con Cando petan na porta pola noite (Xerais 1994), relatos cos que obtivo o Premio Nacional de literatura Infantil, ou O misterio das badaladas (Vía Láctea 1986), foron conformándose como lectorado literario.
Mestre xeneroso de Primaria, namorado do cinema e do teatro, guionista e director de programas de radio, contador oral formado a carón da lareira, activista da renovación pedagóxica como membro fundador de Nova Escola Galega e da causa da dignidade da lingua galega como celme e motor da plataforma apartidaria Prolingua, foi con todo a lectura e a reflexión sobre a lectura a actividade principal da súa viaxe na que foi tecendo unha tea enorme de afectos e lealdades.
Choramos a Xabier, mis sabemos que a súa viaxe non rematou esta madrugada, poderemos sempre compartila nos seus relatos que nos convidan a gozar do pracer da lectura e do afán de facer a vida relato. Beizón, sempre mestre, irmao!
Ningún comentario:
Publicar un comentario