Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 25 de febreiro de 2013

Meniña gaiteira

por Carlos Negro, no Sermos Galiza:

Neste tempo de invernía, nunha especie de celebración para os meus adentros, regresei á lectura de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, agora que se conmemora o 150 aniversario da edición de 1863. E así como quen non quere a cousa, a cabeciña (esa que parar, para pouco) comezou a lle dar voltas a certas suxestións arredor da esencia desta obra fundacional da literatura galega contemporánea.

E quizais resulte unha obviedade poñer en relevo a paradoxa na que incorre Cantares gallegos: pois un monllo de poemas que o galeguismo cultural vai ir canonizando como texto, preséntanse a si mesmos como canto, é dicir, como transposición musical da voz dunha comunidade ágrafa, pero, por suposto, non aínda muda. Dito doutro xeito: en Cantares gallegos opera, de modo consciente, o pulo de crear unha “banda sonora” que realce en positivo os valores culturais dunha comunidade lingüística marxinada secularmente do ámbito intelectual e académico, é dicir, da cultura letrada.
Por tanto, Rosalía de Castro acomete en Cantares gallegos unha continua ficcionalización da oralidade, cun dobre obxectivo: dunha banda, cede o poder autorial a unha meniña gaiteira, a unha moza cantareira que integra a súa voz no múltiple coro de sons e melodías que van abrollando no seo da propia comunidade; doutra banda, religa os versos coa música a través dun constante desafío rítmico baseado na métrica das composicións populares.
E se cadra, nesa identificación consciente entre música e poesía, entre voz e canto, atopamos un dos grandes acertos estéticos de Rosalía de Castro: pois non trata de arredar o texto poético das súas fontes etnográficas e culturais, senón que as transcende integrándoas naturalmente no seu discurso de dignificación patriótica. E por iso no prólogo, Rosalía recoñece que escribe “guiada sólo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan doçemente resoaron nos meus oídos desd’a cuna, e que foran recollidos polo meu corazón como harencia propia.”
A Rosalía de Cantares gallegos podería definirse, xa que logo, como unha poeta de finísimo oído que reproduce con extrema sensibilidade “tod’aquello en fin que pola súa forma e colorido é dino de ser cantado, todo o que tuvo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegase a conmoverme.”
Falamos anteriormente de banda sonora. A pouco que acheguemos a orella, escoitaremos en Cantares unha especie de sinfonía cósmica tanto de sons producidos polo ser humano como por outras entidades do entorno natural; e a relación de exemplos podería estenderse ata o infinito: mozas rebuldeiras que tocan as cunchas e botan copriñas, mulleres que cantan por veigas e montes o seu (des)amor ou que son quen de bailar no cribo dunha peneira ao compás dos pandeiros… Pero tamén escoitamos o bater de campás e tambores, melodías de gaita e guitarra, alalás e alboradas, rechouchíos de paxaros, murmurios de vento e follaxe, gorgorexos das aguas dos ríos… E a moza que nos guía a través desde universo fónico remata no derradeiro poema do libro recoñecendo a suposta desproporción entre o anceio musical e o acerto poético: “Eu cantar, cantar, cantei, / a grasia non era moita.”
E mesmo nalgún fragmento lírico, a voz desta humilde cantareira semella evocar, nunha transposición temática case exacta, a fórmula medieval das cantigas de amigo, cando expresa o lamento panteísta que interroga á natureza polo namorado ausente:
Vou perguntand’ós airiños,vou perguntand’ós pastores,ás verdes ondas perguntoe ninguén ¡ai! me responde.Os aires mudiños pasan,os pastoriños no m’oien,i as xordas ondas fervendocontr’os penedos se rompen.


Neste contexto, e como colofón a esta mínima evocación rosaliana, é de xustiza recoñecer a exacta análise que efectou a poeta Luísa Villalta da figura da meniña gaiteira de Cantares gallegos, nun magnífico ensaio titulado O outro lado da música, a poesía (Edicións A Nosa Terra, 1999):
“Portanto a meniña gaiteira, protagonista do marco poético no que se desenvolven todos os cantares do libro, sería algo así como a encarnación do espírito positivo da Galiza e unha versión ao popular da propia autora que se quere manifestar através desta personaxe como integrante do povo que canta.[…] Asume a voz de toda Galiza, das súas alegrías e miserias, nun intento de devolverlle o prestixio e a esperanza, todo iso entregado, unha vez máis, ao ostensíbel ritmo da pandeirada.”
E nós, que aínda acudimos aos poemas de Rosalía como quen vai beber a unha fonte onde abrolla a oralidade primixenia, concordamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario