Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 1 de febreiro de 2013
Manipulación, ortografía e orzamento na política lingüística
O 29/01/2013 a Xunta emite unha nota de prensa co titular: "A Xunta persónase no Supremo para ter opcion a recurrir as sentenzas do TSXG sobre o plurilingüismo" [sic]
Tal e como se pode comprobar na foto de aquí ariba, a nota contiña unha chea de faltas. O caso non é de estrañar, trátase da Xunta e dunha nota de prensa en galego. Non é maís que a evidencia de que o ensino da nosa lingua dista moito do que se declara desde a propia Consellería de Educación. O ensino do e en galego está, sempre estivo, baixo mínimos.
Ninguén pode imaxinar ao goberno do estado ou ao estremeño, por exemplo dando un tan pésimo exemplo de desleixo e descoñecemento.
O caso pronto tivo a súa repercusión mediática. Finalmente a Xunta, sen pedir desculpas pola zocada pega marcha atrás e manipula o seu web e fai desaparecer a nota de prensa que estaba a xenerar polémica na arañeira. Agora ao premer nesa dirección achamos unha anotación sobre Jesús Vázquez celebrando a paz. Mais non a paz lingüística xa que emiten un novo comunicado intentando xustificar a interposición dun recurso ante unha sentenza que o goberno valorou positivamente por, según dicían hai un par de meses, avalar a súa legalidade.
Para os curiosos deixo aquí o retrato da nota orixinal.
A presentación deste recurso contra as sentenzas do TSXG desvélanos o radicalismo instalado nos corredores do noso goberno. Pero tamén nos revela máis cousas.
É moi significativo que a nova do recurso non se poida achar no listado dos comunicados emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Será que este organismo non comparte a decisión do goberno? Será que a Secretaría Xeral de Política Lingüística non conta para nada na toma de decisións sobre a política lingüística?
Un artigo do Praza de hai uns días dábanos unha das claves para entender por onde anda a resposta. Os presupostos da SXPL reducíronse tanto nos anos do goberno de Feijóo que impiden na práctica a posta en marcha de ningunha política de promoción da lingua. Se lle engadimos isto a que todos os outros departamentos e Consellerías do goberno presuntamente galego manteñen unha actitude de desprezo pola normalización, xa temos os dous membros da ecuación preparados para ser resolta.
Etiquetas:
Consellería de Educación,
cousas,
manipulación,
SXPL,
TSXG,
Xunta
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario