por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:
Hai uns días un xornalista preguntábame, na miña condición de docente, se a obra de Rosalía de Castro era comprendida pola mocidade de hoxe.
A miña resposta foi unha afirmación rotunda e convencida, claro que, insisto máis unha vez aquí e agora, sempre desde a miña persoal experiencia como docente.
Deseguido cumpría argumentar a miña aseveración para resultar convincente porque a pantalla asexaba fixamente. E non achei mellor resposta que unha pregunta, malia correr o risco de esta acción xustificar que alguén me poida acusar de topicamente galega...
Se Rosalía de Castro chegou ás xeracións precedentes á actual, por que o seu coñecemento e mesmo estima se ía interromper agora?
Abofé que aínda habemos lembrar bisavoas, avós e nais a recitar ou cantaruxar versos rosalianos, conscientes da súa orixe ou ignorantes da súa autoría porque o proceso de aprendizaxe oral interxeracional transmitía os saberes do común e os literarios tamén, ora se tratar de literatura ágrafa en orixe, anónima, oral e popular ou desoutra literatura alcumada culta por estar impresa e ser de recoñecida autoría.
Un coñecemento da figura humana e da obra poética rosaliana que non precisou da transmisión escolar, académica e programática, senón da vontade das persoas desde o respecto polo valor dos versos e a querencia por si propias e polos seus.
Porque xa sabemos que a escola non foi, nin moito menos nos tempos de hoxe,é, a única casa do saber, nin tan sequera a preferente. Tamén sabemos que a función propositadamente castelanizadora da escola durante varias centurias, a partir do século XV, impediu que a cidadanía galega alcanzase o coñecemento necesario en clave galega. É por iso que, na actualidade, as xeracións que superan os corenta anos apenas tiveron acceso á formación de materias como lingua e literatura galegas en toda a súa escolaridade obrigatoria. No entanto, o nome e algúns versos de Rosalía chegaron a elas e aprenderon a apreixalos como propios.
Non esquezo, non, os argumentos máis arriba anunciados que, como aqueles dez mandamentos tamén tarareados memoristicamente, poden reunirse en dous:
En primeiro lugar, Rosalía era consciente, mediado o século XIX, do que quería facer, que quería escribir, por que escribir, en que lingua escribir e para quen; por iso, desde o coñecemento profundo da realidade social do seu tempo e desde a perspectiva dunha muller culta, a obra rosaliana converteuse, desde unha rexa vontade solidaria, na expresión colectiva do pobo galego.
En segundo lugar, e como consecuencia, as temáticas nucleadoras da súa obra son aquelas polas que respira, transita, malvive e denuncia ese eu colectivo: a voz reflexiva da muller, o problema da emigración, as inxustizas sociais devastadoras coa clase traballadora, labregos e mariñeiros; o desprezo e o sometemento político programado desde Castela, a insolidariedade humana, a crítica á Igrexa alienada e insolidaria...
Circunstancias todas elas nunca superadas e que, por desgraza, ciclicamente volven ocupar os principais titulares xornalísticos evitando que a poesía rosaliana fique demodé.
E nestes momentos desafortunados andamos en que os poemas de Cantares gallegos, do que este ano se cumpre o 150 aniversario da súa publicación, ou Follas Novas resultan de imprescindíbel lectura para asírmonos á súa forza transgresora e ousadía cómplice humanitaria para non calarmos perante tanta inxustiza social coa que novamente nos queren azoutar os de sempre. Adoecerán, acaso, de crónica de actualidade inintelixíbel para o noso alumnado estes versos?
-¡Escoita! Os algoasilesandan correndo a aldea;mais, ¿como pagar, como, se un non podeinda paga-la renda?Embargarannos todo, que non teñenesas xentes concencia, nin ten alma.¡Quedaremos por portas,meus fillos das entrañas!
Non hai razóns, pois, para que Rosalía non entre, tamén en pleno século XXI, pola porta grande das nosas aulas. Ora ben, para entrar precisa ser invocada e é por iso que, lonxe de promover sesións de espiritismo mediático, non me resisto a escapar dunha certa (auto)crítica aos compañeiros e compañeiras de profesión: perdámoslles o medo aos clásicos e non permitamos que o noso alumnado remate a ESO, engulido por recorrentes programacións teóricas e gramaticalistas, sen se achegar a Rosalía de Castro ou a tantos autores galegos que recompuxeron ou inauguraron co seu talento literario o que hoxe constitúen orgullosos milleiros de páxinas de calquera historia da literatura galega. Descartemos esa pseudoconvición de que a modernidade en que se move o noso alumnado de secundaria non alcanza a ler, e moito menos comprender e aínda valorar, obras decimonónicas galegas propias dun mundo en branco e negro, alleo á hipercoloración tinxida, os megabytes, os formatos jpg, as unidades de píxel e as mensaxes wasap.
Mudemos, xa que logo, os procedementos e a metodoloxía didáctica, aproveitemos a oportunidade das teconoloxías da comunicación, do audiovisual e da música que a propia rede nos proporciona, para dar o gran salto a unha didáctica interactiva, comunicativa e interdisciplinar, onde a literatura dunha das máis grandes sexa a anfitriona que nos guíe pola encrucillada do noso particular temario-viacrucis particular.
E, con orgullo, deica o vindeiro domingo 24 de febreiro, data oficial do calendario do libro e da lectura como Día de Rosalía de Castro, retwitteemos versos de Rosalía de Castro e convirtámola en trending topic.#DiaDeRosalia
Rosalía comprederíao, abofé que si, que para iso sabía idiomas...
Ningún comentario:
Publicar un comentario