por Filipe Díez en Praza Pública:
Prezado sr. Núñez Feijoo,
Escríbolle desde o máis profundo respecto polo Presidente do meu país, democraticamente electo pola cidadanía galega, mais tamén desde unha non menos fonda discrepancia a respecto da política lingüística que o Goberno galego veu practicando nos últimos anos. A rutura do consenso, a fractura institucional, o enfrontamento aberto con todos e cada un dos sectores da cultura galega e a instauración dun clima de conflito social no tocante á normalización da lingua propia do país conforman un panorama desolador e que urxe ser mudado.
As sentenzas do TSXG, anulando os aspectos máis polémicos do Decreto do plurilingüismo, constitúen unha magnífica oportunidade –se cadra, a derradeira– para repensar aonde nos leva a actual derrota da nave e mudar o rumbo. Vostede, o seu goberno e o partido que o apoia teñen a maior parte da responsabilidade nesa tarefa e por iso mesmo correspóndelles levar a iniciativa, mais trátase dunha empresa que –para ser ben sucedida– precisa do concurso de todos, sen exclusións. A oposición parlamentar, as institucións oficiais dedicadas ao estudo da lingua e da cultura galegas e as universidades deberían ser os primeiros interlocutores nun proceso que máis adiante se abrise ao conxunto das organizacións sociais que actúan neste ámbito.
Construír un novo consenso non é complicado: precísase, apenas, vontade política de facelo. Un primeiro xesto sería o de non presentar perante o Tribunal Supremo español o anunciado recurso de casación contra as sentenzas do TSXG, evitando ademais dese xeito unha segura e dolorosa nova derrota xudicial para vostede e o seu goberno, mais tamén para o conxunto do país polo desprestixio que suporía para as nosas institucións nacionais. Mais ningún xesto, por máis significativo que sexa, é capaz de borrar de vez a desconfianza gañada a pulso, polo que se precisa de algo máis concreto que faga crible o propósito de navegarmos todos xuntos. Aí está o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, referencia ineludible de calquera tentativa de voltar a definir un punto de encontro en común; e aí está, tamén, a oportunidade de reformar o Decreto do plurilingüismo por consenso. Por non falar da posibilidade de constituír un grupo de expertos que estude o modo de aplicación do PXNLG en cada un dos sectores sociais e faga propostas concretas de actuación, co compromiso de todos os grupos políticos de telas moi en conta á hora de aprobar e executar a futura política lingüística –sen por iso suplantar a soberanía popular representada no Parlamento, por suposto.
O obxectivo só pode ser o de garantir que, goberne quen goberne, a política lingüística non sexa motivo de antagonismo, senón que as lexítimas diferenzas se reconduzan dentro dunha ampla marxe de consenso. E, por descontado, é preciso concibir a política de defensa e promoción do galego dun xeito transversal e non unicamente ligada ao ámbito do ensino, aspecto no que non debería existir dificuldade para chegar a un acordo unánime.
As persoas que nos identificamos coa defensa da lingua galega non queremos vivir detrás da pancarta. Por iso tanto os grupos políticos da oposición como as institucións culturais e as organizacións sociais levan anos a pedir un acordo que faga desnecesaria a constante mobilización nas rúas e o enfrontamento entre galegos por unha lingua que une a inmensa maioría do noso pobo, tanto se a fala como se non o fai habitualmente. Non esqueza vostede que, grazas ás recentes eleccións nas que revalidou a maioría que o elixiu para o cargo que hoxe ocupa, hoxe sabemos con precisión o peso social dos que renegan do idioma e defenden a segregación en dúas comunidades sociais diferentes: o 2% do censo electoral. Non semella moi lóxico pretender satisfacer eses sectores marxinais –cuantitativa e cualitativamente falando– desprezando a posibilidade dun grande acordo que poña o noso país como modelo da capacidade para facer política de altura nestes tempos en que case toda a actualidade é no mellor dos casos grisalla.
Para rematar, confeso que durante algúns anos incluín vostede na categoría dos inimigos do galego, mais co andar do tempo mudei esa opinión e creo que a vostede a lingua galega lle resulta indiferente, como á maioría da cidadanía deste país. Por iso utilizouna en beneficio propio, atacándoa de xeito irresponsable nos últimos anos de oposición e nos primeiros na Presidencia do Goberno galego, considerando que o gaño electoral era un ben maior que a saúde do noso maior patrimonio colectivo. Mais non pense que lle digo isto en ton de reproche –si de crítica, certamente– senón con esperanza: porque se é vostede intelixente, e non me cabe a menor dúbida diso, percibirá que hoxe adveñen moitos máis beneficios –e incalculablemente maiores– de propiciar o consenso que de teimar nunha división que xa lle deu todos os dividendos posibles e cuxa perpetuación só implicará notables perdas para vostede. Por iso, de falcón a falcón, permítome achegarlle esta breve análise, en formato FODA, sobre as vantaxes e inconvenientes de promover un acordo ambicioso e posible, plural e sen vencedores nin vencidos. Estou seguro de que, se vostede dá pasos convincentes nesa dirección, non lle faltarán cómplices. E todos sairemos gañando no plano colectivo –porque no individual, é difícil imaxinar unha xogada que a vostede lle permita semellante proxección… e sen gastar cartos!
Espero sinceramente que saberá valorar axeitadamente os pros e os contras e adoptar a mellor decisión. Por fortuna, neste caso alíñanse os seus intereses persoais, os do seu partido e os da defensa da lingua propia do país. Non permita, por acción ou por omisión, que esta oportunidade se estrague. Reciba un atento saúdo.
* * * * *N.B. Excepcionalmente, por se tratar dun texto con un dado destinatario privilexiado, e como sinal de cortesía cara á persoa aludida, non aceptarei comentarios por esta vía. Mais, por suposto, as vosas opinións, críticas e suxestións son sempre moi benvidas: podedes facermas chegar via twitter ou facebook. Agradezo a comprensión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario