por Carlos Amoedo na Praza Pública:
O vindeiro 15 de marzo remata o prazo para que a Xunta de Galicia formule no Tribunal Supremo o xa anunciado recurso de casación contra as oito sentenzas recentemente ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en relación co Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario.
Se, do punto de vista procesual, o procedemento en única instancia perante o TSXG foi tan longo como complexo, do punto de vista xurídico-material a discusión debería considerarse xa definitivamente pechada por todas as partes. O noso tribunal anula dous elementos cualitativamente esenciais do que poderíamos denominar discurso lingüístico neoliberal do Partido Popular de Galicia: o elemento populista (artigo 5.2, a consulta aos pais e nais para determinar a lingua materna predominante en educación infantil) e o elemento individualista (artigo 12.3, liberdade do alumnado para expresarse na lingua oficial da súa preferencia). O discurso da imposición do galego queda así xuridicamente tronzado, como era de agardar.
Nas súas sentenzas, a sección primeira da sala do contencioso-administrativo realiza unha análise xurídica das pretensións dos distintos demandantes á luz dos distintos parámetros xurídicos de contraste do Decreto: aspectos formais de elaboración, compatibilidade coa Lei de Normalización Lingüística de 1983, coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, coa Lei Orgánica da Educación de 2006 e coa xa moi precisa doutrina xurisprudencial sentada polo propio TSXG, polo Tribunal Supremo e polo Tribunal Constitucional sobre os límites das políticas de normalización lingüística no ámbito do ensino non universitario. Todos son sucesivamente abordados con coherencia, pulcritude técnica e mesmo con prudentia. Cómpre agradecer o esforzo argumental realizado, porque conxura –ao meu modo de ver– calquera risco de eventual anulación polo Tribunal Supremo. Tamén se agradece a autocontención da análise xurídica, testemuñada na preocupación por respectar as opcións lexítimas, discrecionalmente escollidas polo Goberno autonómico no uso da súa potestade regulamentaria. Se algo urxía nesta materia era racionalizarmos a discusión sobre a lingua no ensino, tirándoa da lamaceira populista na que moitas veces se ve enzoufada, mormente por veleidosas enquisas de intención de voto.
Neste sentido, as partes que teñen manifestado a súa intención de interpoñer casación das sentenzas perante o Tribunal Supremo, e moi especialmente a Xunta de Galicia, están obrigadas a facer unha dobre análise.
Do punto de vista técnico-xurídico, debe valorarse friamente a prosperabilidade da casación. Procesualmente, para admitir as casacións a trámite, o Tribunal Supremo comprobará previamente se os fallos do TSXG se fundan de xeito relevante no dereito estatal ou comunitario. Aspecto este moi discutible, e que xa levou ao Supremo a inadmitir en 2008 unha casación interposta pola AGLI precisamente contra o Decreto 124/2007 (Auto de 4 de novembro de 2008).
Feito o anterior xuízo de relevancia e hipoteticamente admitida a trámite a casación, o Tribunal Supremo limitaríase a comprobar se nas sentenzas de instancia se produciu “infracción das normas do ordenamento xurídico ou da xurisprudencia que fosen aplicables para resolver as cuestións obxecto de debate”, como reza a lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (art. 88.1.d). Lidas en estritos termos xurídicos as sentenzas, non encontro fisuras no razoamento do TSXG –construído precisamente con cita constante da actual xurisprudencia do Supremo e o Tribunal Constitucional– que permitan prognosticar unha eventual anulación das sentenzas do noso tribunal. Nin sequera é razoable agardar, coa xurisprudencia da Sala Terceira na man, que o Tribunal Supremo lle dea a razón á Real Academia Galega na súa defensa dunha participación vinculante na elaboración da norma.
Do punto de vista da oportunidade política, debe valorarse se lle convén á política lingüística no ensino –e á política de normalización lingüística tout court– seguir galdrumando durante unha lexislatura máis nas posicións populistas e nos termos do debate que xa caracterizaron, tristemente, a lexislatura 2009-2012. Quizá a algúns lles interese manter viva a controversia arredor do Decreto, e utilicen a casación das sentenzas do TSXG para darlle unha patada cara adiante ao balón. Unha patada que pode durar anos.
Porén, os máis de mil asinantes do Chamamento polo galego feito en febreiro de 2013 consideramos que a casación das sentenzas sería non só unha inutilidade xurídica, senón tamén un despropósito político que a nosa lingua, tan asediada, non pode permitirse. Cumpre darmos pasos para saír da guerra de trincheiras arredor do Decreto. Porque a verdadeira cuestión non é a derrogación do Decreto ou o seu contrario –a súa intanxibilidade. Tal enfoque continuaría a cínica dialéctica xa coñecida por todos nun ámbito no que os sucesivos Decretos da xeira autonómica – o 79/2010 incluído– se caracterizaron pola súa inaplicación máis ou menos confesable. A verdadeira cuestión é tomarse a serio, sen demagoxias oportunistas, a normalización lingüística do galego nos propios termos que se derivan do o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística de 1983, o Plan de Normalización Lingüística de setembro de 2004 e a xa abondosa avenza xurisprudencial do noso Tribunal Superior de Xustiza.
Ese debe ser o ricaz campo de xogo dunha política pública realmente eficaz neste ámbito, con todos os matices de oportunidade, tamén lexítimos, que sexa oportuno introducir en cada momento. Por iso, quen ten a iniciativa e a responsabilidade fundamental nese empeño é a Xunta. Os recorrentes poden permitirse o luxo de acudir en casación ao Tribunal Supremo, como farán probablemente Galicia Bilingüe ou AGLI, malia levar perdido sistematicamente no Supremo os seus recursos contra “la imposición del gallego”, e xa con imposición de costas, como fai a STS de 28 de abril do 2000, o Auto de 4 de decembro de 2008 ou a STS de 21 de outubro de 2009. Mais a Xunta –e o PPdeG– non debería dar ese paso se queren darlle unha oportunidade á pacífica normalización do galego nesta lexislatura. Xa abondan motivos de indignación en moitos outros ámbitos.
Cumpre restaurar o diálogo político, institucional e social arredor da lingua, porque hai moito onde traballarmos en positivo: a adquisición de firmeza da anulación dos artigos 5.2 e 12.3 do Decreto 79/2010 levará consigo a recuperación do vigor das normas concordantes do Decreto 124/2007 (respectivamente, artigos 7 e 13), o que probablemente leve á Xunta a actualizar un Decreto cuxa disposición adicional quinta, non esquezamos, xa a obriga a facelo, previa avaliación da súa aplicación. Sen esquecer que o anteproxecto de modificación da LOMCE pretende regular, con carácter básico, o plurilingüismo no ensino non universitario (disposición adicional trixésimo oitava, na última versión do anteproxecto).
Ningún comentario:
Publicar un comentario