Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 4 de febreiro de 2013

O galego, o último mohicano?

por Manuel Cabada Castro, nas Cartas ao Director do Faro de Vigo:

Cando era rapaz e vivía e soñaba nunha desas tantas, pobres mais encantadas, aldeas da Galiza interior, sabiamos ben que en certos lugares (como na escola, na igrexa ou na distante vila do concello) e con determinadas persoas chamadas importantes había que falar en castelán. Non sabiamos por que, pero así era a cousa. Incluso algúns nos dicían alí que o galego era feo, que o bonito era o castelán. Quizais por iso as rapazas, para sabérense guapas aínda que o fosen xa abondo, emitían aquí e alá, alomenos se tiñan xa noivo, algunha que outra frase en castelán. Como os pais querían moito ós seu cativos procurábanlles falar tamén en castelán, por torpe que fose (e aínda o fan agora; e mira que pasaron anos!). O caso é que a vida seguiu e algún que outro dictador deixou de seguir. E andei fóra, como tantos outros. Aprendín a vivir fóra do meu país, en España e noutros países europeos. Mergulleime nas súas linguas e no seu modo de pensar e de vivir. E gustábame coñecer e convivir con outras culturas. Isto durante moito tempo, que non foi só cousa de vinte ou trinta anos... Cando despois empecei a volver máis a miúdo por Galiza resulta que eu seguín a facer o mesmo que facía fóra dela: mergullarme a fondo e ledamente en cada concreta cultura onde vivise. Xa se podía estudar o galego na escola. Semellaba xa que o galego non era tan feo. En calquera caso, cando unha vez nun deses sitios nos que non se debía falar galego rompín co tabú (éravos aínda no ano 1963) e falei coma se estivese na casa ou na rúa, ocorreu unha cousa da que ben me lembro: toda a rapazada (boa e transparente ela!) botouse a rir cunha espontaneidade insospeitada, como eu nunca vira.
As cousas foron cambiando e moitas das pequenas aldeas da Galiza das miñas dores están case á venda. Tamén eu marchei para a cidade. E naquela que agora vivo, a fala galega brilla, resplandece enormemente pola súa ausencia. É unha verdadeira mágoa! Mais eu "erre que erre"... O outro día interpelábame unha señora na rúa: "¿Y luego usted no habla más que gallego?". "Pois si, señora. Élle verdade. Levo máis de corenta anos falando outras linguas fóra de Galiza. E agora estamos en Galiza, non?" O da señora non me extraña. Para moita xente estar na Coruña ou en Vigo e como estar en Valladolid. O que non entendo é como pode haber xente, organizada e todo, que din loitar polos dereitos do castelán no país galego. Se o castelán está por tódalas partes! Non estaremos en perigo de convertérmonos os galegos nos últimos mohicanos?

Ningún comentario:

Publicar un comentario