Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 21 de febreiro de 2013

O conflito non che é cousa nosa

por Nel Vidal, no Sermos Galiza:

A normalización lingüística non procura ningún conflito..., mais atópao.
Cando unha persoa galegofalante ten que lle facer unha consulta á súa compañía de teléfono, contratar un seguro para o seu coche ou solicitar un certificado na Seguridade Social, o que quere é que lle resolvan algunha dúbida relacionada co servizo de telefonía, ter cubertos os posíbeis sinistros que poida ter conducindo ou obter ese certificado para realizar algún trámite.
Mais, se non lle permiten obter eses servizos en galego, quen é que está a provocar conflito: quen nega ese dereito ou quen quere usar normalmente a súa lingua?
Se en casos coma estes calamos, non dicimos nada e deixamos pasar, en realidade estamos a negar feitos, a reprimir sentimentos e a imposibilitar cambios. E a única maneira de mudar as cousas, de avanzar, será non someténdonos e non escapándolle a esas situacións que poden ser conflitivas. Mais cómpre ter en conta que son situacións non creadas nin buscadas por nós, senón provocadas por quen nos impide usar libremente e con normalidade a nosa lingua.
Boa parte das persoas lingüisticamente concienciadas pode ser que entendan e asuman o conflito como algo que non bota para atrás, mais esas persoas concienciadas son unha minoría das galegofalantes. A maioría da xente, en xeral, en todos os ámbitos e circunstancias, asocia conflito con algo negativo, que cómpre evitar ou, cando menos, non provocar.
É posíbel que a maioría da poboación asocie o conflito lingüístico co uso e fomento do galego, cando ese conflito deriva única e exclusivamente da imposición do castelán.
Entón, no discurso a prol do galego, no que transmitimos, cómpre facer ver que o conflito non é cousa nosa, de quen o sufrimos, senón que é cousa de quen o provoca, e que a normalización lingüística é a solución a ese problema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario