por Susana Méndez, no Sermos Galiza:
Sucedeu hai poucos días. O profesor esforzábase en demostrar os seus abondosos coñecementos diante de aproximadamente 35 persoas. A materia non é que fose amena, mais en certos aspectos si resultaba interesante. No medio da disertación, o catedrático quixo opinar sobre unha cuestión que non tiña demasiado a ver co que alí se falaba, pero el decidiu deixar constancia da súa visión. Sementando prexuízos.
O tema era o seguinte. Falábase nese momento dun suposto ficticio no que unha empresa de Vigo, un bar concretamente, quería contratar persoal a través dunha empresa de traballo temporal de Portugal. E o orador fixo alusión ao convenio colectivo de referencia para esa empresa, o do sector da hostalería, dicindo que era imposible atopalo noutra lingua que non fose o galego e que iso non podía ser, que sendo como é un traballo moi ben feito, cuns cartos investidos aí, deberían publicalo en castelán, porque canto máis universal, mellor. E despois dun pequeno debate, inda engadiu que se quere velo alguén desde Madrid, estando en galego, pois non se entende. Canto máis universal, mellor, insistía. Facelo só en galego é limitante. Xa, xa. Xa nolo advertira Roberto Varela.
"Alegar que o castelán é máis universal que o galego, ademais dun grande complexo, denota mesmo ignorancia"
Insinuar que facer algo en lingua galega é perder os cartos investidos, é, cando menos, un enorme prexuízo. Alegar que o castelán é máis universal que o galego, ademais dun grande complexo, denota mesmo ignorancia, e, claro está, prexuízos cara o galego. Afirmar, cando se está falando dunha empresa galega en relación cunha empresa de Portugal, que o convenio debería estar en español por se o quere ver alguén de Madrid, alén de prexuizoso, é unha visión de colonizado. Espallar ideas como estas (e algunhas máis que non veñen ao caso) desde a posición de docente catedrático, emitindo opinións coma se formasen parte da materia impartida, é xogar suxo. E, desde logo, confírmame que temos moitísimo traballo por diante para un futuro cuns usos normais do galego.
Mais vexa, señor catedrático, que por moitas veces que o repita e espalle, o galego nin implica perda de cartos, nin é inferior, nin é limitante. É a nosa lingua, fermosa e útil. E universal, por moito que lles pese. Deixennos empregala con normalidade, que aquí, o único limitante son os prexuízos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario