Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 11 de febreiro de 2013

A lingua oficial da República de Galiza

por Xavier Gómez Guinovart, en Terra e Tempo:

Desde o punto de vista sociolingüístico, un dos debates máis interesantes que tivo lugar nas pasadas eleccións ao Parlament de Catalunya xirou arredor da posibilidade de considerar o español como lingua cooficial na futura República Catalá independente. O propio Oriol Junqueras, actual presidente de Esquerra Republicana de Catalunya e cabeza de lista desta formación ás eleccións do 25-N, defendeu nun polémico artigo publicado en El Periódico titulado El castellà i la República Catalana que "na Catalunya independente o catalán será a lingua propia e oficial do país, a lingua común de todos. Mais o castelán tamén será oficial na República Catalá. Evidentemente, por se alguén tiña algunha dúbida".

Para entender mellor estas palabras, cómpre ter en conta que Junqueras escribiu o artigo en resposta a unhas declaracións a ABC Punto Radio de José Manuel Lara, presidente do Grupo Planeta e de medios de comunicación como Antena 3, Onda Cero ou La Razón, nas que o empresario ameazaba con marchar de Catalunya se se proclamaba a independencia: "se Catalunya fose independente, o Grupo Planeta tería que marchar a Zaragoza, Madrid ou Cuenca", xa que non tería sentido que unha editorial "tivese a súa sede nun país estranxeiro que fala outro idioma". Probabelmente, na resposta de Junqueras a Lara influiu o desexo de non perder para a causa soberanista, en pleno período preelectoral, o apoio de certos sectores do empresariado e da poboación de castelanfalantes residentes en Catalunya, xa que como lembraba o presidente de ERC no artigo: "a independencia é un proxecto que abarca todos os cidadáns de Catalunya, falen a lingua que falen". Porén, é importante salientar que no modelo de cooficialidade proposto por Junqueras o catalán ten a consideración de lingua común, lingua propia nacional, lingua vehicular do ensino e lingua prioritaria da administración e da xustiza. Esta cooficialidade "asimétrica" do castelán na lexislación da futura Catalunya independente proposta por Junqueras tamén foi asumida con certos matices no programa electoral de CiU e foi completamente rexeitada por outras entidades como Solidaritat Catalana per la Independència ou a Plataforma per la Llengua.

Dentro do soberanismo galego, este debate pasou inadvertido, posibelmente, porque en Galiza aínda non se perciba un nivel de conciencia nacional suficiente para imaxinarmos un proceso democrático que nos leve á soberanía e a independencia nacional. Porén, para o nacionalismo galego, igual que para o catalán, a lingua segue sendo o máximo sinal de identidade nacional, de modo que a política lingüística debe ser unha preocupación central no deseño das estratexias soberanistas.

No seo do nacionalismo, cómpre elaborarmos propostas sensatas e críbeis para acadar a longo termo a normalidade no uso da lingua galega, unha normalidade que só se vai conseguir cando a nosa lingua goce de todos os usos que ten agora a lingua oficial do estado. Evidentemente, as dificultades para acadar esa normalidade serán moito menores dentro dun estado propio, xa que os instrumentos legais e económicos da República Galega para normalizar a súa lingua hanse pór sen dúbida e decididamente ao servizo dos intereses nacionais. Mais antes de que chegue ese día, imos ter que debatermos polo miúdo e tomarmos decisións sobre os pormenores do proceso de normalización da lingua nacional que queiramos impulsar ou que estratexicamente nos conveña promover, e un dos aspectos máis relevantes ha de ser a determinación do grao de oficialidade das diversas linguas faladas en Galiza.

As posibilidade son múltiples: o galego como lingua oficial única; cooficialidade asimétrica do galego e do castelán; cooficialidade simétrica do galego e do castelán; cooficialidade adicional do inglés e/ou do portugués con diversas posibilidades de asimetría, etc. Con certeza, sería posíbel atopar argumentos sociolingüísticos e políticos a favor e en contra de todas estas alternativas, mais, chegada a hora da independencia, a decisión só poder ser unha.

A favor da oficialidade única do galego está a necesidade dunha política lingüística activa en prol do galego capaz de frear o proceso de substitución lingüística e de recuperar todos os usos da lingua para o noso idioma. Por outra banda, a asunción da cooficialidade asimétrica do castelán por parte do nacionalismo podería facilitar a identificación da poboación castelanfalante ou maioritariamente castelanfalante de Galiza coa causa soberanista. Tamén as cooficialidades asimétricas do portugués e/ou do inglés ofrecerían vantaxes culturais, competitivas e sociais moi importantes que cómpre non minimizar. As posibilidades son diversas e as súas implicacións complexas, polo que cumprirá tomar a decisión con moito tino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario