Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 6 de maio de 2018

21 días co galego

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

Hoxe escribimos dende o optimismo, dende a alegría de saber que as cousas poden mudar. Ou que podemos axudar a que muden: con intelixencia, vontade e imaxinación. Hai cinco anos, unha profesora do instituto da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte Patiño, con alumnos de ESO e Bacharelato, botou a andar unha experiencia que xa corre polas redes. Rapaces e rapazas de 15 e 16 anos, moitos deles non galegofalantes, aínda que cunha competencia elemental no uso da lingua, comprométense a vivir tres semanas (21 días) usando decote a lingua galega: nas aulas, cos amigos, coa familia, na vida común, no lecer, dentro e fóra da casa. Tres semanas en galego, reflexionando sobre o que esa práctica significa, as dificultades que atopan, as contradicións, os prexuízos… Ao rematar a xornada, o rapaz ou rapaza conta nun vídeo a súa experiencia nas últimas 24 horas.


No colexio Fogar de Santa Margarida, na Coruña, o profesor Carlos Medrano empezou a desenvolver hai un par de anos a mesma idea cos seus alumnos, de idade similar aos mociños da Pobra, aínda que nun contexto ben distinto, o ámbito urbano, onde preferentemente manda o castelán. Os interesados poden visitar algunhas mostras do experimento en YouTube. Escritores, artistas, músicos, deportistas coñecidos participan como padriños para animar os rapaces: o añorado Agustín Fernández Paz, Mercedes Peón, Elena Gallego, Leilía, Roberto Vilar…Disque 21 días é o tempo necesario para adquirir un hábito. Ou para romper un prexuízo. Hai poucas semanas falabamos aquí dos problemas (e os desafíos) da lingua galega na mocidade, sen dúbida o gran interrogante que nestes momentos ten o futuro do idioma. Pois velaí. Escoiten os mozos e mozas que falan. No proceso de normalización lingüística hai tres aspectos fundamentais a considerar: a competencia (falar, ler e escribir) que se adquire na casa e na escola, e tamén no contexto das amizades. Que se adquire ou que se perde, deberiamos dicir. A motivación, ou sexa: a disposición da persoa para usar o idioma, e mesmo a valoración ou sentimento que esa persoa ten da lingua. E terceiro: as ocasións de uso.

Os dous primeiros aspectos danse cumpridamente (aínda que todo se pode mellorar). O problema para a mocidade son as ocasións de uso, a creación de espazos sociais para vencer o prexuízo, ese atranco que tantas veces impide dar o paso: falar galego decote, de xeito natural, cos teus amigos, cos teus veciños, mesmo cos teus país e os teus irmáns. «E como podo seguir?», preguntan moitos despois. Pois deixando correr a vida, con naturalidade. O que empeza sendo un xogo, unha experiencia didáctica, a práctica social do idioma, acaba sendo unha descuberta, desafío que afirma a personalidade e, ao mesmo tempo, pon diante dos ollos a realidade. Mais que tamén engancha. Dende a iniciativa docente é unha proba de intelixencia e de vitalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario