por Antón Losada, na revista Luzes:
Dise con frecuencia que a lingua galega está morrendo. Non podo estar máis en desacordo. Á lingua galega estana matando. Non morre coma se fora vítima dun accidente, dunha enfermidade ou das inexorables leis da evolución que obrigan a adaptarse ou morrer. Trátase dun crime premeditado, planificado e executado por criminais perfectamente conscientes, que saben o que fan e o que queren e actúan con premeditación e aleivosía; nin sequera se lles pode aplicar a atenuante de ignorancia porque saben perfectamente o que están asasinando e o que significa.
As probas do delito resultan abrasadoras. No derradeiro ano do Bipartito, a política lingüística tiña mais de vinte millóns de euros de orzamento. Xa sabemos que o Bipartito o fixo todo mal e seguramente a cantidade era insuficiente. Pero é que hoxe non se lle dedica nin a terceira parte.
Cando se lle pregunta aos actuais responsábeis da política lingüística por semellante recorte a súa resposta é que se está «equilibrando» a situación porque, como é ben sabido, o que necesita axuda entre nós é o castelán, a verdadeira lingua en perigo de extinción no fogar de Breogán.
Á lingua galega estana matando. Trátase dun crime premeditado, planificado e executado por criminais perfectamente conscientes, que saben o que fan e o que queren e actúan con premeditación e aleivosía
O Decreto lingüístico do Bipartito, tan repudiado entón pola Mesa pola Normalización e demais defensores do galego que o choran hoxe coma se fose o Avalón perdido, institucionalizaba por vez primeira a igualdade real entre o galego e o castelán no ámbito educativo e garantía os dereitos dos que queremos que o galego sexa lingua vehicular. O Noso Alberto cambiouno por un decreto trilingüe porque o problema non era que falaramos pouco o galego, senón que falamos fatal o inglés.
Os espectaculares resultados saltan á vista tres mandatos despois. Falamos igual de mal o inglés e os novos falan cada vez menos en galego. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, entre os menores de trinta anos a caída de galegofalantes, que xa eran minoría, supera os dez puntos na última década e a porcentaxe de menores de 14 anos que sempre falan en castelán ten medrado outros dez puntos.
Estariamos diante dun fracaso incontestable se es presidente da Xunta e tes claro que unha parte fundamental do teu traballo e da túa responsabilidade é promover a lingua que, entre outras cousas, fai posible e lexitima o teu cargo e a institución que administras. Estamos diante dun éxito se pensas que o teu traballo é acabar con ela e que pareza un accidente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario