Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 26 de maio de 2018

Mil futbolistas máis para a lingua galega

por Iván Méndez López, na revista Luzes:


Pasou o “Día del gallego” e a lingua xa está toda feita até o ano que vén. Co esmero deste ano, ademais, quedounos niquelada incluso até o 2020.A edición 2018 da festa das letras vernáculas prometía xa hai unha semana cando Feijóo I O Sociolingüista achou a resposta á pregunta do millón: por que perdemos clientela galegofalante na rapazada? “Porque os mozos son libres e quedaron fartos da política lingüística do bipartito”. Os menores de 9 anos, que son os que leva O Noso Presidente en Monte Pío, falarán todos en galego, supoñemos. E, se non, culpa do bipartito. De non marchar a Madrid ou ao consello de administración dunha eléctrica, Feijóo ben pode fichar por algún club de primeira como defensa central: expeditivo e mestre en mandar balóns fóra como el hai poucos.

Todo isto para argumentar que co feliz advento do dos Peares á Xunta, coñécese non só máis o galego que no bipartito, faltaba máis, senón que se dá “o maior índice de coñecemento da historia de Galiza”, que xa é dicir. O de uso, “pues ya tal” como diría outro dos ilustres galegocalantes.

Pero mira ti que, sen querer, chegou a oposición para negar a maior, esa que di que aquí todo quisque sabe galego. Mais non foi en sede parlamentaria, senón a golpe de chío, que é como se fai parte da política hoxe.

O premio ao contraargumento levouno Podemos Galicia cun “ha dito basta” que atopou defensa na súa voceira, Carmen Santos. O erro debeuse a que o rapaz que o escribiu é un “canario que está súper comprometido” pero ao que dicirlle que o fixo mal é un exercicio de “superioridade moral do 1% sen faltas de ortografía das mentes superiores residentes en Galicia” que conseguiremos “que o deixemos de falar e de escribir o resto”. Difícil caer en tantos prexuízos en tan poucos caracteres.

A ex candidata de Ciudadanos Galicia quixo unirse á festa reclamando un “día del gallego” para os que non usaron o idem porque os Cela, Valle Inclán e demais describiron máis e mellor o país que calquera paifoco contemporáneo que escribe en vernáculo e mal, resumindo. Desde algún xornal deses con portada 100% en galego o 17 de maio, unha columna argumentaba no mesmo sentido, que mira ti que non hai días ao ano para escribila. A Fundación Pública Cela aplaudía coas orellas, claro está, que debe ser que non lles chega co diñeiro que poñemos para rescatala e para que funcione que tamén pide a súa cota “del gallego”.

Con tanto ruído na prensa subvencionada, nas redes sociais e na política, ao final veu pór cordura un futbolista suízo que milita nas ringleiras do Dépor: “Unha lingua é arte; unha forma distinta de interpretar o mundo. Feliz #DíadasLetrasGalegas”,un chío que nos deixa unha inquietante reflexión: máis fútbol e menos política?

Deber debería ser que non, pero si por algo debemos brindar neste 2018 é por mil Fabian Schär (e María Victoria Moreno) máis para a lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario