Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 25 de maio de 2018

Como a lingua modela o noso pensamento


Chegoume este vídeo de Trafegando Ronseis. Ao premer o play, Lera Boroditsky, profesora de ciencias cognitivas da Universidade de California ofrece neste relatorio TED varios exemplos de como a lingua modela a forma do noso pensamento.
Hai linguas que teñen unha gran cantidade de palabras para identificar as cores do espectro, outras apenas diferencian "claro" de "escuro". Os Kuuk Thaayorre, de Pormpuraaw na costa oeste do Cabo York, no continente australiano, foron obxecto de estudo de Lera Boroditsky. Eles non usan conceptos como "esquerda" ou "dereita" pois todo o refiren aos puntos cardinais. Esta forma de comunicación está moi ligada ao territorio, xa que Pormpuraaw é un lugar desértico, sen referencias xeográficas que indiquen as direccións. Pola contra, os galegos temos todo o territorio nomeado. A nosa lingua é xeografía, de aí que só nós teñamos un Otero Pedrayo. Tal é o noso apego á xeografía que cando nos pregunta por unha dirección, contestamos: "vai por ese camiño e á man dereita verás un desvío e unha casa de pedra. Por aí non é. Segue dereito...."
En español "ponte" é masculino, en alemán (e en galego) é feminino. Lera comenta que os españois atribúenlle ás pontes cualificativos que os prexuízos e as convencións sociais asocian ao "masculino", porén os alemáns danlle atributos "femininos". Pregúntome cal é a conformación galega do concepto "ponte".

"Hai 7000 línguas faladas en todo o mundo e podemos crear moitas mais.  O tráxico é que estamos a perder moita desa diversidade linguística a cada momento Perdemos cerca de unha língua por semana e segundo as estimacións, a metade das línguas do mundo desaparecerán nos próximos 100 anos. Unha notícia ainda peor é que agora, case todo que sabemos sobre o espírito e o cerebro humanos baséase en estudos de estudantes universitarios normalmente americanos e anglófonos. Isto exclúe a case todos os seres humanos."

Ningún comentario:

Publicar un comentario