Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 29 de maio de 2018

Na política lingüística, detrás do fume está o incendio


De seguirmos as actuacións da política lingüística da Xunta de Galicia, concluiríamos que as súas actividades redúcense a fumegar o panorama político. Collamos un exemplo típico, o que se presenta neste vídeo. Feijóo acude ao VIII Encontro da industria alimentaria na Coruña,  e a súa intervención, en contra de todos os consensos en materia lingüística, faina en castelán. Este proceder é tan habitual no presidente da Xunta que case a diario hai un audiovisual mostrando esta práctica. Podemos imaxinar que a cantidade de actos e intervencións nas que renega do galego é moito maior.  Se o presidente renega da lingua galega acotío está dando a entender que é completamente prescindible. A un tempo demostra que a Xunta non está comprometida co seu uso nin coa súa normalización.
Entón, como debemos entender que o mesmo o día e á mesma hora o secretario xeral de política lingüística se reúna cun pequeno grupo de empresarios para sacarse unha foto con eles e poder emitir un comunicado no que pretendidamente se está a favorecer a galeguización no mundo económico? De ser certo o que se di neste comunicado, teriamos que estar escoitando a intervención de Feijóo en galego. Como isto non é así, ese presunto apoio á galeguización empresarial queda nunha fumareda intoxicadora que pretende ocultar unha realidade atroz, a dunha Xunta aniquiladora da lingua. O máis grave deste intento de encubrimento  é que está substentada por un organismo, a SXPL, que debería ser o máis radical garante de normalización da lingua.
Unha cuestión á marxe. No comunicado da SXPL fálase dun Plan de dinamización do galego no tecido económico. Alguén sabe dalgunha medida efectiva dese Plan?

Ningún comentario:

Publicar un comentario