por Xosé Cermeño, en El Correo Gallego:
TOCARÁ esta semana escoitar palabras incendiadas de boas intencións e sinceras louvanzas sobre os libros. Que bonitos, que necesarios, que indispensables son os libros. Cantas cousas aprendemos neles. Son días tamén nos que mesmo as xentes de letras prestamos tamén moita atención aos números e comprobamos, con tristura, que o panorama en Galicia do libro, da lectura, da edición e das bibliotecas so dá para ser entre pesimista e moi pesimista. E as causas son varias. A primeira -un feito no que estaremos dacordo todos- é que a retirada de políticas públicas, e dos recursos que levaban aparellados, fixo moito dano ao libro galego. E non só ao libro, desde logo.
Pero hai algún elemento mais que nos axuda a explicar este devalar do libro galego. A materia prima da industria editorial galega é o idioma, e a lingua galega está ferida, mancada e desangrada. A situación da lingua en Galicia é o gran fracaso político da xeración dos que vivimos a transición e a construción da autonomía. Conseguimos nestes corenta últimos anos mellorar as infraestruturas de todo tipo, adecentar as nosas comunicacións (agás o tren), consolidar o estado de benestar. Conseguimos ter hospitais respectables, profesionais valiosos en todos os sectores, industrias moi potentes na automoción, no sector téxtil e na moda, nas telecomunicacións e o audiovisual, no mundo agroalimentario.
Logramos facer do turismo un recurso punteiro e proclamamos con éxito comercial as bondades da nosa gastronomía. Conseguimos un marco político, a Autonomía, que ten unha semellanza razonable con outros sistemas federalistas e notables competencias. Hai logros socioeconómicos en case todo o que nos rodea, e ainda que podemos apuntar sectores fallidos (as caixas de aforro, o lácteo...), o balance , para os que lembramos os tempos dos emigrantes sen cualificación e das aldeas con pésimo subministro de luz eléctrica, é positivo.
Pero a lingua é o noso gran fracaso xeracional. Non logramos darlle verdadeiro valor social. E detrás da lingua, a situación demográfica: non so temos cada dia menos galego que transmitir, senón que nin sequera temos a quen transmitirllo, porque a crise demográfica é extraordinaria.
E así, sen materia prima -que é a lingua-, sen usuarios e clientes da materia prima e sen moitas esperanzas de revertir este escenario, a situación do libro galego non pode ser nin boa nin esperanzadora, salvo que tratemos de enganarnos. Tamén podemos revisar o que o sector editorial fixo (e o que non fixo) por achegarse aos lectores, pero iso será outro día. Toca estes días, e sempre, abrir un libro e abrigarse nas súas follas, sempre consoladoras.
Escritor e xornalista
Ningún comentario:
Publicar un comentario