Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 22 de xuño de 2012

L anos despois

por Mercedes Queixas Zas, en Sermos Galiza:

A Real Academia Galega vén de celebrar a liña temporal dunha data emblemática, gravada no noso imaxinario cronolóxico cultural como cita puntual de reencontro cos tempos literarios construídos de onte a hoxe, unha madura reconciliación amiga ou descuberta de noivado mozo con aqueles e aquelas que falaron de nós, por nós, para nós e o extenso mundo de ollada aberta. Cincuenta anos de vida desde aquel pioneiro 1963 rosaliano da popularmente instalada en nós como grande festa literaria nacional, o Día das Letras Galegas.
Unha das actividades programadas pola RAG consistiu na revisitación actualizadora dos cincuenta autores e autoras homenaxeados -neste último caso, a cativa pluralidade redúcese a tres nomes de muller: Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño- por parte doutros tantos escritores e escritoras actuais, representativos de xeracións e xéneros literarios diferentes e onde, por fortuna, a balanza marcadora do xénero autorial mudou positivamente cara á presenza significativa de escritoras, como reflexo do camiño que andamos cara á restauración dunha realidade moito máis recoñecíbel e equitativa.
A petición desta singular colaboración, canalizada a través da AELG, asignábame un autor, Frei Martín Sarmiento, homenaxeado o 17 de maio de 2002, a quen tiven oportunidade de reler con atención naquela altura e sintetizar no manual Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega.
Volver ao noso ilustrado por excelencia significou recuperar a sorpresa da actualidade dunha obra escrita a contrafío en pleno século XVIII e que aínda nesta altura non perdeu, por desgraza para nós, contemporaneidade.
O ilustrado máis galego de todo o grupo de pensadores coetáneos asumira xa daquela un papel protagonista como emisor informante da realidade galega do seu tempo e mais como receptor cómplice das súas preocupacións, queixas e demandas. É por iso que non resulta nada difícil deducir, na relectura da obra deste magno erudito, o valor do compromiso reivindicador que Sarmiento adquiriu, en tempos ben bretemosos, para co seu país e as súas xentes, desde unha óptica concienciadora crítica para coa necesaria normalización social do idioma galego e a súa incorporación á escola como idioma de aprendizaxe e coñecemento para os nenos e nenas galegas e, asemade, defensora dos sectores produtivos tradicionais, así como do inicio da industria e do comercio sen monopolios, ao tempo que profundamente antimilitarista.
“Sen soldados poderá pasar o mundo, mais sen labradores nin o mundo nin os soldados poderán subsistir”
Baixo a única limitación dun máximo de setenta caracteres, propoñíasenos recrear a obra e o pensamento do autor ou autora asignados. Un breve texto, mesmo hai quen o cualificou de haiku, a partir do cal un ilustrador recrearía unha nova simbiose convivencial entre a imaxe e a palabra creadas en clave de presente .
Finalmente, a síntese sarmentiana, fermosamente simbolizada na metáfora dunha robusta cerna secular, da man do deseñador Dani Bembibre, levoume ao encontro destas simbólicas palabras:
“Coloquio da palabra
galega asulagada para nos
acordar a conciencia”
Desde a iconografía múltiple dun L maiúsculo sumativo de Letras, Lingua e Libros, da autoría de Pepe Barro, do Grupo Revisión, rodeado dun corazón múltiple, encarnado, de afecto e complicidade latexante, finalmente vía a luz o caderno dos L (50) carteis para L (50) anos, grazas a un proxecto sumativo das sinerxias de diferentes entes construtores da industria cultural nada (e preocupada) ao redor do libro, asinantes do manifesto que o acompaña, As Letras que nos fixeron: Asociación Galega de Deseñadores, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia.
A volta ás letras en cincuenta días viviu a súa xornada pública máis popular o pasado sábado 16 de xuño ao congregar a RAG, na coruñesa Praza de María Pita, nun acto aberto ao numeroso público, de novo, L (50) voces de alcaldes, alcaldesas e representantes civís doutros tantos concellos que acubillaron a biografía dos nosos literatos homenaxeados nesta nosa peculiar travesía temporal da memoria literaria. De Sada a Vigo, de Monforte a Boborás, de Muxía a Celanova, de Outes a Monterroso, de Ourense a Láncara, de Noia a Tui, sen esquecermos ultrapasar os lindes asimétricos que falan de fronteiras administrativas, mais nunca lingüísticas, para saudarmos o perímetro galego completo que xungue nunha aperta desde A Veiga até Vilafranca do Bierzo. Eles e elas, nas súas voces enraizadas en fonéticas plurais e melodías vizosas, remaneceron versos, pensamentos e invocacións alentadoras que vogaron entre as Ondas do mar de Vigo e o Pranto matricial.
E nunha cultura chea de substrato simbólico coma a nosa, non podían faltar as imaxes alegóricas que tanto foron aplaudidas. A forza do futuro perseverante, representada na infancia e na mocidade, facía a súa entrada intermitente nesta praza tamén simbólica para nos agasallar coa forza reminiscente do que somos. Terra e Auga. Os pétalos das rosas da Casa da Matanza rosaliana, a auga doce da Fonte Vella mindoniense, a auga salgada arribada fronte ás casas da tríada literaria rianxeira, a terra escura e fértil celanovesa, o arume arpado pondaliano, as herbas vizosas courelás e a area cambadesa, lumieira e facho na noite estrelecida.
Velaí dúas poderosas razóns para non rendérmonos no presente: o respecto polos que no pasado foron e souberon ser proa e rella sempre; o respecto polo futuro que ten dereito a medrar na súa sonoridade propia para que a vida non o sorprenda xamais desprevenido calado e neutral.
Sexamos hoxe protagonistas sementadores, orgullosa canle transmisora deste legado único que deberá continuar a ver nacer, medrar e envellecer xuntos, ciclicamente e en irmandade, o pobo e a lingua, a fala e a escrita, sempre e mais despois .

Ningún comentario:

Publicar un comentario