por Xosé González Martínez, en Galicia Confidencial:
A antropóloga e profesora da universidade de Lisboa, Paula Godinho, é a a utora dun documentadísimo estudo sobre as relacións transfronteirizas na raia seca. O libro, publicado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense leva o suxerente título “Oír o galo cantar dúas veces”.Paga a pena lelo. Este traballo de investigación sobre a cultura da raia, que foi galardoado co “Premio Xesús Taboada Chivite”, descubre feitos e aconteceres de gran importancia para entender as relacións entre galegos e portugueses, ali onde a fronteira non está separada por ningún accidente xeográfico como acontece co río Miño noutro treito fronteirizo.
Luís M. García Mañá na súa obra “Couto Mixto, unha república esquecida”, ofrécenos información abonda para coñecermos a oríxe histórica de tan singular territorio mentres estivo vixente o seu estatus xurídico-político. As súas pescudas foron decisivas para reconstruír a súa identidade esvaída polo paso do tempo. Aqueles aconteceres históricos son hoxe rememorados pola Asociación de Amigos do Couto Mixto, que todos os anos conmemora a existencia dun territorio histórico que os Parlamentos de Europa, Galicia e o Congreso dos Deputados recoñeceron con diversas iniciativas parlamentarias.
Para perpetuar a memoria dun pobo que gozou de privilexios e de independencia respectos dos reinos de Portugual e España ata 1864, a Asociación de Amigos do Couto Mixto vén celebrando todos os anos un acto que reaviva os sentementos de irmandade das xentes dun e doutro lado da raia. Algo que hoxe ten moito sentido se temos en conta que a Unión Europea tenta construír a chamada Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Unha proposta necesaria para abordar o desenvolvemento soecioeconómico dun macro espazo territorial habitado por sete millóns de persoas.
Nese contexto a Asociación de Amigos do Couto Mixto quere afortalar o discurso europeo-transfronteirizo inzado de prexuízos histórico que veñen de vello e que tollen o proceso de reencotro de dous pobos que están chamados a planificar conxuntamente as súas estratexias para acadar mellores cotas de riqueza e benestar social.
Pero para que isto aconteza cómpre contar con personalidades e institucións que aviven o discurso do reencontro transfronteirizo máis aló da raia. Por iso a Asociación de Amigos do Couto Mixto distingue a eses animadores co nomeamento de “Xuíces Honorarios”. Un galardón que este ano recaeu no músico e gaiteiro universal Carlos Núñez; no profesor de dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé A. Gómez Segade, e nas cámaras municipais de Verín e Chaves por tomaren a decisión de crear unha eurocidade.
O acto terá lugar este próximo sábado, día 30, na igrexa de Santiago de Rubiás, ás 12:00 horas. Din que quen vai un ano, engaiolado pola paisaxe e a liturxia da cerimonia, volve sempre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario