O ensino das matemáticas en galego demostrou ser a verdadeira proba do nove que discrimina entre o respecto e o odio pola lingua de noso. O pasado mes unha moción do BNG no parlamento de Galicia procuraba restaurar os acordos aos que chegara a totalidade do arco parlamentario no ano 2004 sobre a política lingüística a desenvolver nos anos seguintes. O resultado deste consenso foi o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), e o que fixo o BNG por medio de Bieito Lobeira foi levar adiante unha proposta fundamentada, tal e como dixo o socialista Francisco Cerviño, tanto neste Plan como en leis de obrigado cumprimento. "Que as matemáticas e a física só se poidan explicar en castelán é unha afronta á lingua galega, é unha afronta ao prestixio da lingua galega" continuou Cerviño, quen se dirixiu aos "intelectuais orgánicos que fornecen de pseudoideoloxía autoxustificadora" para lembrar as palabras de Paz Andrade cando afirmou que o cultivo do idioma propio é un imperativo ligado á economía pola súa proximidade ao portugués.
A intervención de Bieito Lobeira comenzou ensinando un exemplar dun libro prohibido na dictadura: Sempre en Galiza para continuar con outro libro prohibido na actualidade: Matemáticas de 1º ESO da editorial Anaya. O primeiro era perigoso aos ollos da dictura por conter os fundamentos da doctrina nacionalista, o segundo é perigoso para algúns zunantes acubillados no poder, simplemente por vir redactado en galego. Isto foi o que adiantamos nos últimos 75 anos.
O máis triste foi o papel que xogou o deputado popular Agustín Baamonde. Estaba alí como mercenario parlamentario, para xustificar o seu posto e nada máis. Negouse a ratificar que na educación primaria e secundaria o alumnado reciba un mínimo do 50% da docencia en galego, especialmente nas materias de matemáticas e tecnoloxía, tal e como viña redactado nos puntos 2.1.26 e 2.1.27 do PXNL. Un segundo aspecto que non era do agrado das bancadas populares era a reafirmación no respecto á Lei de Normalización Lingüística que determina que a toponimia ten como única forma válida a galega. Estas negativas proceden do sistemático ataque que o goberno galego mantén contra o uso e promoción do galego, especialmente por medio do desenvolvemento do funesto decreto 79/2010. Con todo, como Baamonde e os seus correlixionarios non poden presentarse diante da sociedade coa súa verdadeira cara de inquisidores que prohiben libros e desprezan o galego, non lles queda outra alternativa que o cinismo. E así, aínda despois da negativa parlamentaria a subscribir o PXNL, sen vergoña ningunha pretenden presentarse como os seus grandes defensores, especialmente en relación coa mocidade.
Lobeira e Cerviño falaron desde a responsabilidade, o respecto, o coidado e o interese polo estado social do galego. Por iso expresáronse desde a liberdade, fóra do enreixado dos prexuízos. Baamonde fíxoo no papel dun racista dictaminando trabas e regulamentos cos que maltratar aos estranxeiros sen decatarse de que el mesmo, é un estranxeiro, por mor da lingua, en Galicia. Así Agustín Baamonde promoveu desde o seu escano a imposición do castelán no ensino das matemáticas ou a deturpación da onomástica dos concellos. Se despois disto aínda hai algúen que acredita en como se está a levar a política lingüítica será únicamente en nome do seu sectarismo e contra o sentir da cidadanía galega.
Velaquí as intervencións de Bieito Lobeira e Agustín Baamonde:
Dá vergoña oír ao Baamonde este. Vaia ignorante manipulador.
ResponderEliminarxenial o minuto 27.... jajajaja, moi bo!
ResponderEliminarVexo que cada quen ten o seu momento preferido. Uns poden desfrutar cos disparates de Agustín Baamonde, outros co caso do "Monasterio de Rivas de Sil",...
ResponderEliminarAproveito para comentar que estiven buscando a intervención de Cerviño pero non a din atopado mais que na versión á que xa puxen ligazón no texto, e que non pode embeberse aquí.