Aínda que nunca se repetiu o autor ou autora homenaxeada, aínda que hai escritores e escritoras con méritos abondo para seren elixidos pola Academia, tamén concorren numerosas razóns para que Rosalía de Castro sexa a autora homenaxeada no 2013:
O cumprimento das primeiras 50 edicións do Día das Letras, que comezaron en 1963 con Rosalía, propicia un novo ciclo que comece en 2013 coa nosa escritora máis universal. O primeiro Día das Letras está xa afastado no tempo, a figura de Rosalía perdida nunha certa nebulosa de lugares comúns, agardando o retorno ao primeiro plano e a novas lecturas da crítica e da cidadanía.
Mais o ano que vén concorre outro aniversario rotundo: cúmprese 150 anos da publicación de Cantares Gallegas, obra fundadora da literatura galega contemporánea e polo tanto merecedora de atención e recoñecemento singular no 2013.
A conmemoración de Rosalía no 2013 cumpriría unha dupla función: dunha banda, a de revitalizar e relanzar a Festa das Letras, enchéndoa coa figura poderosa da escritora; e, por outra, a de propiciar novos estudos sobre a súa vida e obra, necesitada de investigacións especializadas e de difusión e recoñecemento entre a c idadanía.
A súa personalidade reúne aínda outras cualidades que multiplican o efecto benéfico da celebración: a repercusión positiva para a proxección exterior da cultura galega, o estímulo para a creación literaria e artística das xeracións máis novas, o espello dunha obra que reclama xustiza e liberdade, igualdade para as mulleres, respecto e dignidade para o país, valores tan necesarios hoxe coma no tempo en que escribiu Rosalía.
A situación da lingua galega, os desafíos que ten por diante a cultura e o país merecen decisións audaces, nomes rotundos, obras poderosas. Os beneficios para as nosas letras serían claros e é difícil encontrar razóns en contra. Trátase dunha decisión excepcional, xustificada nas 50 edicións das Letras que se conmemoran este ano, nos 150 anos de Cantares Gallegos, e permitiría a partir de 2014 recuperar outros nomes que de certo merecen o recoñecemento colectivo.
Unha escritora excepcional merece unha decisión extraordinaria. Rosalía é un xenio do que moi poucas culturas do mundo poden presumir. Ningunha. Por que non darlle pois o protagonismo que merece e que reclama? A Real Academia Galega debe ser sensíbel a estas circunstacias para proclamar o ano 2013 como Ano Rosalía e homenaxear a autora coa celebración das Letras Galegas. E o país detrás, entidades, institucións e sociedade, nunha festa que comece o 24 de febreiro e se prolongue todo o ano arredor do talento e do compromiso rosaliano, fonte de orgullo, de dignidade, de futuro.
Letras Galegas 2013 para Rosalía!
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 14 de xuño de 2012
Letras Galegas 2013 para Rosalía
por Luís Bará promovendo a candidatura de Rosalía de Castro para o Día das Letras do vindeiro ano, en Sermos Galiza:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario