Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 8 de xuño de 2012

Cabo Jóm e Body Milk (leccións de plurilingüismo)

Este artigo de Carlos Negro tróxume á memoria un suceso real que apuntara por aquí xa hai algún tempo: 'O xel, el gel, the set'
E velaquí o artigo de Carlos Negro en Sermos Galiza:

Hai xa moitos anos, cando aínda nos podiamos permitir o luxo da inxenuidade, algúns cidadáns deste país mesmo chegamos a acreditar que os grandes magnates do mundo empresarial tiñan a ben concederlle á nosa lingua un oco digno no andel da modernidade: foi así que, parviolos ilusos, visitamos por primeira vez os establecementos de Zara Home coa esperanza de atopar dentro un catálogo de prendas de vestir masculinas con etiquetaxe en galego. Mais saímos de alí cun edredón nórdico fabricado en Tailandia para ocultar a decepción do noso rostro.
Logo desta clase práctica de business is business, comprendemos que o primeiro paso cara ao plurilingüismo made in Galicia estaba dado: non nos estrañe, pois, que unha turista madrileña, extasiada diante da beleza atlántica da península do Morrazo, exclamase con fervor anglófilo: ¡y que vistas tenéis desde Cabo Jóm! Desde xeito, avanzamos un chanzo máis no proceso de adaptación da toponimia autóctona ao signo dos tempos, con traslación automática á fonética internacional. Porque, postos a innovar, mesmo o bilingüismo harmónico da era Fraga semella xa un arcaísmo.

Neste contexto, cando vostedes escoiten falar de plurilingüismo, non fai falta que cavilen no asunto: só se trata de inglés, nunca de galego. E iso téñeno ben asumido nas normas de cortesía establecidas nas grandes superficies de ocio e consumo: a amabilidade co cliente inclúe, de balde, unhas clases prácticas de pedagoxía lingüística. E se, por despiste, unha clienta un chisco arroutada solicita información sobre algunha marca de leite corporal, sempre haberá unha vendedora solícitadisposta a corrixila, retrucando con artificiosa naturalidade: Perdona… pero lo que tú quieres decir es un body milk!
Estas anécdotas (baseadas en feitos reais), denotan o concepto de plurilingüismo que se está a difundir, de xeito maioritario, na sociedade galega. Unha especie de fuxida sen retorno onde a aprendizaxe obrigatoria de inglés semella a única opción posible, máis alá da reflexión sosegada sobre se existen outras alternativas de intercomunicación que resulten máis eficaces ou estratéxicas no noso contexto xeográfico e cultural (e aquí o portugués debería aparecer no ensino como unha escolla ineludible, e non por razóns de saudade histórica, senón de obvio oportunismo económico).
Por suposto, o plurilingüismo, a estas alturas do século XXI, debe ser asumido como un concepto necesario e positivo, mais sempre desde a perspectiva integradora que difunden os mellores especialistas na materia (sirva de exemplo o profesor Artur Noguerol, da Universidade Autónoma de Barcelona). Unha concepción do plurilingüismo que parte do concepto de equidade entre linguas, e que debe ter en conta os factores ambientais de cada comunidade lingüística. Pois fraco favor lle facemos á diversidade cultural europea se para nos entender reducimos todo a un código burocrático, esquecendo os vencellos e relacións de translación directa que se poden establecer entre as diversas linguas romances.
Por tanto, como sociedade do século XXI, temos un reto por diante: flexibilizar a nosa mente e aprender a nos comunicar en diversas linguas, mais sempre desde un posicionamento non dogmático, desbotando prexuízos e valoracións que reducen a riqueza cultural a unha especie de parque temático semellante ao certame de Eurovisión, onde as cancións en inglés suman sempre doce puntos, e o galego, o catalán e o euskera nin sequera comparecen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario