Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 13 de xuño de 2012
A mellor lección de lingua
Agora que se enxerga o final do curso veume á memoria a clase na que estudei 1º de BUP, hai tres décadas. A aula estaba ateigada con corenta rapaces, a maioría sen o menor interese polos estudos. Sabiamos que os profesores tiñan medo de entrar na nosa clase e aproveitabamonos diso. Poucos eran os momentos para traballar cun ambiente sen boureo. De entre eles estaban as horas nas que se impartía lingua galega, pois a profesora entraba con cara de can e a forza de manterse nunha tensión vixiante todos os minutos da clase, facíanos sufrir as súas explicacións en silencio. Ela non disimulaba a incomodidade que que supoñía entar naquela aula, un territorio hostil cargado de prexuízos e de desprezo polo galego que fóramos aprendendendo tanto na escola como na familia. Creo non equivocarme moito ao recordar que non máis de catro rapaces daqueles corenta usaban decote o galego; e eu aínda non era un deles.
Lembro, sobre todo, o último dia de clase, o único en que a profesora se permitira traer un xesto relaxado á aula. Probablemente influía niso o pensamento de que, por fin, ía librarse de nós. Troxéranos un texto dun neno bretón que, precisamente no último dia de clase, explicaba a situación de completo asoballamento que vivía a súa lingua. Despois, volvería a ler ese texto ducias de veces e nel, aínda que curto e non se facía referencia algunha ao galego, eu aprendín a mirar cos meus propios ollos a realidade social da que comenzaba a ser a miña lingua.
No texto que nos entregara Merche, a nosa profesora, un neno contaba en primeira persoa, triste e impotente, que aquela era a última clase en bretón, e non porque deixara de estudar, senón porque o bretón só podía impartirse unha hora semanal durante ese primeiro grao que remataba ao tempo que o rapaz poñía fin á súa redacción.
Teño por certo que Merche nunca foi consciente disto, pero ese día recibín a mellor lección de lingua.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Encantoume este texto. O final de curso sempre é moi propicio para a reflexión...
ResponderEliminarMoitas grazas polo comentario, e sobre todo, por ler post.
ResponderEliminarCreo que os profesores debemos ser conscientes de que unha cousa é o que queremos ensinar e outra moi distinta o que realmente aprenden os nosos alumnos. Por iso temos a obriga de non rendirnos pois cabe a posibilidade de que algún alumno aprenda precisamente aquelo que é importante por un pequeno texto, unha mímia indicación, unha historia contada de forma informal...